Opinión

O ¿adeus? de Pachi

PACHI VÁZQUEZ renuncia ao seu escano no Parlamento galego. Os seus defensores dentro do PSdeG dirán agora que é un xesto que o honra e entoarán alabanzas á honestidade e a coherencia política. Os seus inimigos internos atribuirán este adeus a que non lle quedaba outra: acurralado pola Xustiza, ás portas dun xuizo por enchufar supostamente a 37 persoas sendo alcalde do Carballiño e enfrontado a Besteiro. E logo hai un terceiro grupo que nin ama nin odia ao doutor Pachi, pero que se sente un pouco decepcionado porque agardaba, visto o máster de intrigas do seu currículo político, que non se rendise tan pronto, que plantase batalla ao PSdeG e incluso que acabase aferrado ao escano e liderando o grupo mixto con Carmen Iglesias e Chelo Martínez. Eu dígolles a estes últimos que estean tranquilos. Pachi marcha do Parlamento, é certo, pero xa se sabe como son os de Ourense cando din adeus, que nunca acaban de marchar. Que llo pregunten a Moncho Borrajo ou a Los Suaves.

Comentarios