Opinión

O segundo Brexit

O HAKA viquingo comandado por Aron Gunnarson o luns á noite logo de que a selección masculina de fútbol de Islandia lle gañase a Inglaterra nos oitavos de final da Eurocopa pode ser o mellor que me pasou nos últimos tres meses. Sen esaxerar. Houbo dous ou tres detalles en Xogo de Tronos. Pero son ficción. Disque. Non como as pencas nos brazos de Aron entregados á torçida. O sorriso agochado baixo a barba rubia. A necesidade de erguerse. Capitán, meu capitán.

Wayne Rooney ao ser substituído minutos antes do final, coa traxedia a consumarse, foi a faciana do segundo Brexit de Inglaterra en catro días. Ás veces, as cousas que pensabas que non acontecían nin nos teus soños máis salvaxes vólvense certas como unha hostia nos dentes e descóbreste no espello co rostro suado, desencaixado e de cor rosa de Rooney.

Necesitamos (ou necesito, que ben me chega con entenderme a min mesma como para arrogarme a responsabilidade do plural maiestático) islandias e camerunes que, de cando en vez, prendan ilusións parvas e sinceras nas nosas almas murchas e descridas a forza dunha profilaxe autoimposta de cinismo. Por moito que a modernidade hípster teime en intelectualizar o fútbol, poucos espectáculos de masas contemporáneos máis moneratizados; quizais ningún que provoque reaccións tan viscerais, irracionais e mesmo idiotas. Probablemente só exista parangón na batalla polo cetro das orquestras de verbena galega.

No fútbol islandés, foron as mulleres quen lles abriron o camiño aos rapaces. Se o meirande éxito ata o de agora da selección masculina foi a clasificación para a Eurocopa que estes días se celebra en Francia, as mozas xa xogaran dúas fases finais. Nas bancadas –un 10 por cento da poboación de Islandia irá a animar o seu equipo a Francia—, destacan como a afección con máis mulleres e nenos. O sábado, meirande diáspora da historia de Islandia puido votar en terras francesas nunhas eleccións que veñen de elixir o tradutor de Stephen King como presidente do país. Unha das urnas estaba no hotel de concentración dos futbolistas.

Camiseta de 'Evasión ou vitoria' e Islandia.

Faise difícil non querer unha selección que viste unha camisola que lle rende tributo á que levaban Pelé, Bobby Moore e Osvaldo Artiles en 'Evasión ou vitoria'. Un equipo cun odontólogo como segundo adestrador e un porteiro –Hannes Halldorsson, xoga na segunda norueguesa— que dirixiu o videoclip que a televisión pública islandesa enviou a Eurovisión en 2012. Un combinado de rapaces desprexuízados que xogan cunha alegría, entrega física e solidariedade de quen sabe que as súas limitacións son moitas (moitísimas) fronte ás estrelas multimillonarias dos conxuntos rivais.

O que está a facer Islandia é un fito para un país que conta con 100 xogadores (homes) de fútbol profesionais. Máis volcanes activos ca xogadores de fútbol, dixo onte Gary Lineker. A min xa me parece incrible que un territorio con 330.000 habitantes escasos teña un cento de deportistas profesionais de calquera disciplina. A provincia de Lugo ten unha poboación semellante á de Islandia. Sabe alguén que haxa un cento de futbolistas lugueses a xogar nas primeiras ou segundas dalgunha liga polo mundo adiante?

A única verdadeira luminaria do fútbol islandés, o exbarcelonista Eiður Guðjohnsen –suplente, por certo—, celebrou a histórica vitoria contra Inglaterra sen estrondo: “Semella que botaremos un tempiño máis por Francia”. El sabe que é tempo dos seus compañeiros máis novos. De Birkir Bjarnason, un mozo con aspecto de cantante grunge dos noventa que cobra uns 300.000 euros ao ano no Basel suízo e que estreou o casilleiro fronte ao Portugal de Cristiano Ronaldo. De Gylfi Sigurðsson, un organizador de xogo que marabilla no Swansea galés, ou do propio capitán Aron Gunnarsson, centrocampista no Cardiff da segunda división de Inglaterra e Gales, executor de temibles saques de banda.

A eles me encomendo neste verán. As súas alegrías serán as miñas. Cantarei os goles como o comentarista Gummi Ben. Como Alfonso Pardo cantou na Radio Galega os penaltis do Carranza que ascenderon o Lugo. Que pase Francia. Áfram Ísland.

Comentarios