O 24 de outubro de 1975 as mulleres de Islandia déronlle unha volta á 'Lisístrata' de Aristófanes e secundaron un paro xeral feminino cun éxito de participación do 90%. Vinte e cinco mil mulleres marcharon por Reikiavik para demandar unha igualdade salarial e de dereitos no 'Día libre das mulleres'. As islandesas decidiron que aquel venres non irían ao traballo, que tampouco farían a comida nin levarían os nenos á escola nin coidarían dos anciáns nin das ovellas. Aínda hoxe, hai homes que se refiren a esta data sinalada na historia recente da illa do Ártico coma o 'Venres máis longo'.
Aquela acción promovida pola asociación feminista Redstockings serviu como faísca e, hoxe, todas as estatísticas dos organismos internacionais sinalan que Islandia é o mellor país para nacer muller en todo o mundo e que -algún día aínda demasiado lonxano- será o primeiro en superar a fenda de xénero. Nesta listaxe, España ocupa o posto 29.
Un informe da Onu de 2011 sinalaba que as mulleres desenvolven o 66% da forza de traballo do mundo, producen a metade dos seus alimentos, obteñen un 10% dos beneficios e posúen o 1% da terra.
Este mércores é o Día das Mulleres e hai convocadas folgas de consumo, de coidados familiares e, como en 'Lisístrata', de sexo; mobilizacións e paros en cada recuncho para lembrar algo tan obvio como que somos a metade da poboación.