miércoles. 15.07.2020 |
El tiempo
miércoles. 15.07.2020
El tiempo

Das CUP á copa

HAI UNHA boa chea de señores que hoxe souberon da existencia dun artiluxio chamado copa menstrual grazas ás CUP, que veñen de presentar unha moción no Concello de Manresa para que as rapazas reciban información sobre a regra máis aló das compresas e os tampóns, e que consideran que debe ser un departamento público e non as marcas comerciais da chamada “hixiene feminina” quen difunda esa información.

A esa chea de señores que hoxe souberon que hai algo que se chama copa menstrual, un obxecto de silicona de aplicación vaxinal e reutilizable que recolle o fluxo, a tal copa menstrual parécelles unha porcallada. Hai dez minutos non tiñan nin idea, pero agora xa saben eles que é algo propio de tías feas —porque as da CUP e as da copa son feministas e as feministas son feas, todo o mundo o sabe—, que teñen a ousadía de falar de cousas que as señoritas de verdade lle manteñen oculto ao mundo, non vaia ser.

Mentres, pedímoslle unha compresa á compañeira de traballo como se estivesemos a mercar medio gramo de heroína e as adolescentes que fomos lembran os días da chaqueta atada ao cu e do veto aos pantalóns de cor clara polo terror á mancha vermella que se presentaba sen avisar. No entanto, compramos anuncios de televisión cuquis e con artificiais líquidos azuis que preguntan a que arrecenden as flores —a 21% de Ive— e milleiros de mulleres se expoñen a sufrir as graves consecuencias dunha síndrome de shock tóxica polo emprego de tampóns.

O cuñadismo ilustrado non quere reducirlle o imposto de luxo a tampóns e compresas, porque —total— serven para cuestións fisiolóxicas que só lle afectan á metade da poboación, pero non desbota un minuto para ridiculizar unha proposta que achega unha posibilidade ecolóxica, económica, hixiénica e saudable.

Das CUP á copa
comentarios