Opinión

Xotramu e Muimenta

Este domingo tería lugar en Muimenta a XII Festa dos Xogos Tradicionais que organiza anualmente a Asociación Xotramu, pero como moitos outros eventos quedou suspendido por mor da pandemia do Covid-19. Á espera da sorpresa que de xeito virtual nos ofrezan a través das redes sociais o día sete, teremos que agardar ata o 2021 pola gran festa anual, pero moi pouquiño para velos espallar de novo a cultura dos xogos tradicionais por Galiza e o mundo. A pandemia dende logo non os silenciou e xunto con outros moitos colectivos que conforman a iniciativa Patrimonio Lúdico Galego brindáronnos a oportunidade de xogar en familia con múltiples alternativas tradicionais.

A asociación Xogos Tradicionais de Muimenta, Xotramu, naceu por iniciativa dun entusiasta grupo de amigos amantes da cultura tradicional que despois dun intenso traballo de campo na vila e na contorna, de documentarse amplamente e de asesorarse con colectivos como a Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional (AGXPT) ou da Rede Galega do Xogo Tradicional, Brinquedia, botáronse a andar, a finais de maio de 2009, cunha festa que remataría sendo anual no recinto Manuel Vila de Muimenta. Foi precisamente o éxito de convocatoria da primeira edición o que os animou a seguir organizándoa, pero trasladándoa á primeira fin de semana de xuño.

Polo medio, moito traballo, moita ilusión e moita unión! Recuperaron o entroido en Muimenta, lograron xuntar unha ampla colección de xogos tradicionais galegos, teñen unha páxina web con explicación dos xogos e unha presenza activa nas redes sociais, levaron os xogos tradicionais da zona por Galiza adiante e polo estranxeiro (non hai moitos meses que estiveron en Verona no Festival Internacional de Giochi di Strada Tocatì) e foron anfitrións de outros tantos colectivos foráneos, sabendo que no intercambio de experiencias está a oportunidade de aprender e medrar.

Dende o 2011, que tiven a oportunidade de dirixir a Área de Cultura da Deputación de Lugo, foron moitas as ocasións que estiven en Muimenta porque esta activa vila chairega é como un polbo con moitos tentáculos que saen dun único punto: a unión da veciñanza. Por enriba da ideoloxía política dos seus veciños e veciñas está o interese común da parroquia e isto levounos a pelexar diante de varias administracións por dotar de múltiples servizos á vila con máis densidade de poboación da contorna, pese a non ser capitalidade municipal.

Hai máis de vinte anos que por motivos persoais teño moito afecto a Muimenta pero co coñecemento dos distintos colectivos alí xurdidos ese afecto foise convertendo en profunda admiración e unha sa envexa. Que luxo vivir no rural e ter unhas instalacións deportivas á altura das urbanas (SD Muimenta ou o Club de Tenis), ter unha rede de museos (antiga escola e antiga igrexa), un recinto feiral que cada ano acolle eventos multitudinarios como a Moexmu, a Festa da Filloa (festa de interese turístico galego), ou a festa de Xotramu, unha área recreativa que dende o ano pasado acolle o festival Pozomouro onde a música serve de nexo de unión a outras expresións artísticas e un longo etcétera.

Unha innumerable colección de iniciativas, propias dunha vila grande e capital de comarca, que só se pode manter coa unión dunha poboación orgullosa desa pertenza ao colectivo. Moitos anos de vida a Xotramu e que prenda o exemplo de Muimenta por todos os recunchos do noso medio rural galego.

Comentarios