martes. 03.08.2021 |
El tiempo
martes. 03.08.2021
El tiempo

A Vía Romana XIX no Corgo (3ª e última parte)

O VENRES pasado rematabamos a virtual andaina saíndo da ermida das Virtudes (Pedrafita), lugar onde nos demoramos un pouco, en dirección á vila de Adai. Esta parroquia do Corgo leva nas súas costas o peso dunha historia vizosa e conta entre as súas alfaias cun patrimonio merecente de ser visitado con tempo. A Pobra de Adai tiña casa de Audiencia e cárcere, con mil vasalos, escribán e meiriño e era unha das cinco ‘Pobras’ que formaban parte do marquesado de Sarria. Mais en 1812 apróbase a formación dos concellos e a posta en funcionamento do concello do Corgo, en 1840, fai que vaia comezando o declive da Pobra.

Cruzamos o río Chamoso e deixamos á esquerda o muíño das Aceas, que foi propiedade dos Tella e a primeira ‘fábrica de luz’ da zona. Despois de case un quilómetro de subida chegamos ao fondo do campo da feira de Adai (a máis antiga e importante das do Corgo e da contorna). A súa orixe remóntase a tempos inmemoriais (está documentada a súa existencia no século XVIII). Celébrase os 13 de cada mes aínda que no 1940 a veciñanza solicitou licenza para poder celebrala a maiores os días 26 (aspecto que se volveu perder co decorrer dos anos). A feira de Adai é coñecida como a ‘Feira dos burros’ pola gran tradición que tivo a comercialización de mulas, burros e cabalos. Esta tradición fai que unha das feiras temáticas sexa para a exaltación do cabalo e que haxa unha asociación para difundir a monta de cabalos. A outra feira temática consiste na exhibición, concurso e poxa da raza rubia galega (celebrada o sábado pasado).

O campo da feira de Adai é espectacular e ocupa unha extensión de dezasete mil metros cadrados. Está rodeado de edificios emblemáticos como a igrexa parroquial, o pazo do xeneral Tella, as antigas escolas ou emblemáticas tabernas como a do Marqués. Hoxe un quiosco da música renovado e os novos pavillóns para albergar gando comparten espazo con centenarios carballos nun dos puntos máis senlleiros da xeografía corguesa.

Collemos agora dirección a Arxemil e no medio duns prados, se imos acompañados dun guía, atoparemos pistas irrevogábeis do trazado orixinal da vía romana. Seguimos camiñando e deixamos á dereita o deshabitado lugar de San Martiño de Perliños, que outrora albergou un mosteiro polo que litigaron duramente as dioceses de Lugo e de Oviedo (un fragmento de tampa sepulcral do mosteiro atópase exposto no Museo Provincial de Lugo xunto cun miliario anepígrafe de máis de dous metros de lonxitude atopado nas inmediacións).

Imos achegándonos a Arxemil e despois de cruzar o río de Romeán recomendo afastarse da ruta uns metros para visitar a ponte medieval de Galiñeiros (hoxe cortada ao tráfico por mor dunha fenda que ameaza a súa estabilidade estrutural). A ponte de cantaría, dun só van, resolto mediante un arco de medio punto de 11,6 metros de luz, cunha rasante superior alombada, cruza o río Chamoso. Por alí está sinalizado o camiño de Santiago de Künig, que coincidirá na maior parte dos tramos coa ruta da Vía XIX ata chegar á capitalidade lucense.

En Arxemil apareceu un fragmento de miliario (empregado posteriormente como pía bautismal), exposto tamén no Museo Provincial de Lugo e no que aparece escrito ''Ao emperador César Traxano Adriano, fillo do divino Traxano, neto do divino Nerva, Augusto, Pontífice Máximo, investido...? na potestade tribunicia''. Fóra da ruta (en dirección a San Bartolomeu de Chamoso) o camiñante aínda pode atopar outro miliario á beira dun camiño, moi erosionado e coa presenza de dúas cruces na parte frontal. Saímos de Arxemil e no cruce de Boelle viramos á esquerda en dirección a Coeo (concello de Lugo) onde o rego da Golada fai de límite natural.

A Vía Romana XIX no Corgo (3ª e última parte)
comentarios