Opinión

Patético inicio de curso

DÁME RISA cada vez que oio o cualificativo de bos xestores para os políticos do PP, e moito máis cando este se refire ao grupo de falsos tecnócratas apolíticos dos que se rodea o presidente Feixóo. Unha fama semellante tíñana outrora os membros dos gobernos de Aznar, sobre todo no plano económico. Hoxe vendo a cantidade de casos de corrupción, imputados e condenados daquela época e os lodos que trouxeron aquelas privatizacións (véxase Alcoa), póñensenos os pelos de punta pensar que aquela afirmación era certa.

Vou analizar o ámbito educativo que, por deformación profesional, é o que máis coñezo. Se noutros artigos anteriores analicei como de patético foi o confinamento educativo do final do curso pasado, hoxe toca analizar como de mal arrincou o presente, dando bandazos que confundiron a todos os elos da cadea: inspección, equipos directivos e profesorado. As familias, coma sempre tiveron que sufrir, toda esta desorganización sen saber moi ben a que aterse diante do maior desafío educativo dos últimos tempos.

Se ben non se podía xestionar peor do que se fixo en Galiza a pandemia pola covid-19 no curso pasado, todo o mundo pensaría que nestes 6 meses nos que non houbo clase, as máximas autoridades educativas terían ben deseñado o inicio de curso atendendo aos tres escenarios posíbeis: presencialidade, semipresencialidade e ensino a distancia. En relación ao primeiro, que foi polo que se apostou para o inicio de curso vista a situación epidemiolóxica actual, os equipos directivos tiveron que organizar os centros dende a máis estrita soidade (pero con toda a responsabilidade do mundo), baixo o paraugas de criterios cambiantes e o descoñecemento do número de profesorado que tiñan a disposición.

Hai que lembrar que os membros dos equipos directivos son profesores de oposición que momentaneamente exercen unha función directiva. Posúen unha formación básica inicial, sobre todo a nivel lexislativo, pero pensar que con iso poden enfrontarse a todas as casuísticas do día dun centro educativo é ben errado. Moito menos nun momento de pandemia onde os coñecementos sanitarios son imprescindíbeis para evitar que os centros educativos sexan centros loxísticos para estender o coronavirus. Pensar que cunhas horas de teleformación os equipos Covid constituídos nos centros poden avaliar e xestionar os posíbeis positivos é desprezar ao persoal da sanidade. Non estaría demais que nestas circunstancias os centros tivesen profesionais sanitarios propios!

Pero pensar nesas contratacións cando a Consellaría deu voltas e máis voltas para contratar ao mínimo número de profesores/as é ciencia ficción. Ao longo destes dous meses a consellaría cambiou de criterios varias veces, sobre todo no que a distancia de seguridade se refire, mirando que eses criterios tiveran o menor impacto económico posíbel independentemente das recomendacións sanitarias que deben rexer nestes intres. Así que con estes vimbios comezou o presente curso. En primaria, coa escusa dos grupos burbulla quedaron totalmente aos pés dos cabalos, iniciando o curso de xeito forzado pero no prazo previsto. En secundaria tiveron que retrasar unha semana o inicio porque a Consellaría adxudicou o profesorado provisional aos centros hai tan só sete días (o venres a mediodía). Con tan só día e medio (e a fin de semana) os equipos directivos tiveron que facer horarios e preparar todo para que o mércores puidesen comezar as aulas (lembremos que a consellaría tivo 6 meses para organizalo todo).

Así que máis que xustificadas estiveron as dúas xornadas de folga, para denunciar as diferenzas entre centros e etapas, para alertar sobre a desprotección de alumnado e persoal docente (e non docente), para reclamar máis profesorado e máis transparencia na información sobre contaxios. Unha folga que mobilizou ao profesorado malia os servizos máximos impostos pola Consellaría de Educación.

Comentarios