Opinión

Traballo como fonte de escravitude

Estamos acostumados a ver aos sindicatos defender unhas condicións salariais dignas para a clase traballadora pero non son os únicos, nin moito menos

XOANA É licenciada en Arquitectura e ten 29 anos. A súa familia fixo un brutal esforzo económico para que puidese ver cumpridos os seus soños de estudar na Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña. Tivo a mala sorte de que o estoupido da burbulla inmobiliaria a pillase comezando unha carreira na que puxo todo o empeño e que rematou con brillantez académica. Despois de entregar centos de currículos en estudos de arquitectura e empresas de construción optou por coller os traballos temporais que lle foran xurdindo nos máis variados sectores.

O seu último emprego foi nos meses de xullo e agosto como socorrista nunha piscina dunha urbanización. O seu salario alcanzou o SMI, 900 euros, pero pese a que o contrato especificaba as 40 horas semanais de rigor, traballou 9 diarias durante 6 días á semana (54 horas!). Como é obvio non cumpría tampouco co regulamentario descanso semanal e a diferenza do ano pasado, ademais de vixiar a piscina e impartir cursos de natación cargáronlle co mantemento das instalacións. "Se non o queres, hai centos de rapaces que están desexando ocupar o teu posto", foi a resposta que tivo cando se queixou polas novas condicións laborais así que calou a boca e asumiu os cambios.

O mozo de Xoana está opositando, polo que os escasos e precarios traballos dela non lles permiten cumprir o soño de viviren xuntos e ven moi lonxe a posibilidade de ter fillos. Nos últimos cinco anos apenas cotizou 16 meses e a maioría dos seus salarios incluíron unha considerable parte en B. A Xoana cústalle entender como seu pai que xa cumpriu 65 anos en maio ten que seguir traballando para poder xubilarse mentres a maior parte do seu círculo de amizades soña con chegar a mileurista nun traballo con certa estabilidade.

O caso de Xoana non é real pero ben puidera, porque coma ela hai miles de mozas e mozos que incluso con formación académica teñen traballos indignos. Desde logo, non é un problema exclusivo da mocidade e aínda que afecta a persoas con estudos sacude con crueza ás persoas menos preparadas. Por suposto, tampouco afecta igual aos homes que ás mulleres, nin soe haber semellanzas entre as problemáticas dos nacidos aquí e os inmigrantes. E cando falamos de traballo digno non nos estamos a referir única e exclusivamente ao salario (pese a ser un factor ben importante); trátase de realizar un traballo que agrade, un traballo relacionado coa formación académica de cada un/ha, un emprego no que se sexa respectado polos superiores ou que permita compatibilizar a vida laboral coa familiar e coa social, en definitiva, un posto de traballo que sexa digno.

Estamos acostumados a ver aos sindicatos (e non todos coa suficiente claridade) defender unhas condicións salariais dignas para a clase traballadora pero non son os únicos, nin moito menos. O pasado luns celebrábase a Xornada Mundial do Traballo Digno e no Vello Cárcere de Lugo puidemos contar cunha charla coloquio na que Francisco Porcar falou do traballo decente dende a doutrina social da Igrexa. O acto organizado por Cáritas, Confer, fundación Juan Soñador e a Irmandade Obreira de Acción Católica segue traballando no camiño aberto polo Papa León XIII que na Rerum Novarum (1891) describía a precariedade laboral con frases que ben puideran ser sacadas do Manifesto comunista de Marx e Engels. Afortunadamente fronte ao hermetismo de certos estamentos da Igrexa existen masivos grupos de cristiáns de base dispostos a remar sempre no bando dos máis desfavorecidos!