Opinión

Todas as escusas son boas para centralizar

Calquera dos partidos políticos estatais, sexan de dereitas ou de esquerdas, teñen unha tendencia innata ao centralismo político. Evidentemente esta tendencia a concentrar o poder político e administrativo na capital do reino está máis marcado segundo miramos cara a dereita e a extrema dereita (PP, Cs, Vox) pero non é algo que se escape tampouco aos partidos de centro e de esquerda (PSOE e Podemos) pese a que gustan de denominarse autonomistas e a veces, nun alarde de arrogancia, incluso federalistas. Mais cando estes teñen a oportunidade, por estar no poder, veñen aplicando as mesmas receitas recentralizadoras de sempre, moi semellantes ás que podería aplicar un PP como o de Mariano Rajoy (non este botado ao monte de Casado que semella un polo ao que lle acaban de cortar a cabeza: hoxe digo unha cousa, mañá digo a contraria e quédome tan tranquilo!).

Esa visión mesetaria e uniforme que teñen a maioría dos nosos gobernantes, dos asesores e altos funcionarios dos ministerios que gobernan dende o seus despachos madrileños contrasta coa diversidade dun Estado plurinacional e diverso como no que vivimos. Esa diversidade acentúase máis cara ao noroeste onde non só temos un idioma e unha cultura que segue a ser distinta pese a sufrir cinco séculos da ‘doma e castración’ que tan ben describiu Castelao (nada peor que a globalización actual que uniforma con sutileza e a unha velocidade de vertixe, que tamén é culpábel da pandemia actual e da maior crise económica mundial dende o 1929). Nese noroeste que tan ben se identifica coa Gallaecia romana tamén temos unha maneira totalmente distinta de ocupar o territorio; ben diferente a como o fan no resto da península.

Tan só en Galiza temos a metade dos núcleos de poboación do Estado, como lle recordaba atinadamente este mércores o deputado nacionalista Néstor Rego ao presidente do Goberno. Ten sentido que un veciño/a dunha parroquia de Castro de Rei ou de Outeiro de Rei, poñamos de cen habitantes, teña as mesmas restricións para ir a pasear que un veciño de Lugo da Praza Maior, cando é probábel que ese veciño ou veciña chairegos viva nun núcleo cunha soa casa? Segundo contestou Pedro Sánchez á pregunta do nacionalista isto é algo que vai mudar ao igual que están a facer xa os nosos veciños asturianos.

Outro dos exemplos desa visión centralista, e centralizadora, é a obstinación en seguir concentrando no Goberno do Estado competencias roubadas durante a pandemia ás comunidades autónomas cando non tivo ningún sentido no confinamento e ten aínda menos nesta etapa de ‘desescalada’. En Galiza, nin ao noso presidente se lle ocorrerían cousas ao paso (creo!). Ninguén coñece mellor o territorio que as comunidades.

Por último, que o pacto Podemos-PSOE escollera as provincias como unidade territorial para esta nova etapa é algo que me ten aínda desconcertado. Certo é que despois de case douscentos anos sabemos dos límites administrativos das nosas provincias pero tirar diso como escusa para articular as políticas do desconfinamento é máis que surrealista.

A día de hoxe ata sería máis operativo aplicar a división das provincias do antigo Reino de Galiza que a actual, xa que se corresponden en maior medida coa das áreas sanitarias galegas (criterio máis lóxico e científico que o que temos na actualidade).

Os paseos da Ume polo centro de Lugo tráenme a memoria as fotos de moitos xornais na vaga de incendios forestais de outubro de 2017. En Cervantes saían posando nos lumes que con tanto esforzo extinguira a veciñanza en colaboración coas brigadas de loita contra incendios. Deixádevos de comparecencias con uniformes, de paseos militares e dádelles ás comunidades os recursos económicos e políticos para xestionar a saída da pandemia. A sociedade galega agradecerávolo.

Comentarios