Opinión

As dificultades para doar sangue en Lugo

É RARO O día no que non haxa un pequeno anuncio neste, e no resto, de xornais animando á xente a facerse doador/a de sangue por parte da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue, Ados, que depende do Sergas. A doazón de sangue (e o resto de doazóns que se poden realizar na Ados) é un xesto altruísta que con pouca dedicación de tempo, e moito menos esforzo, permite salvar vidas todos os días nos centros hospitalarios galegos. Un acto tan sinxelo como heroico no que se ceden uns fluídos vitais que só un corpo san pode crear pero que son imprescindíbeis nas operacións cirúrxicas que se practican a diario.

Uns días antes de Semana Santa a propia Ados facía un chamamento, que retransmitía toda a prensa galega, "á participación de todos os cidadáns debido ao descenso das reservas dos principais grupos sanguíneos por mor dun aumento das necesidades hospitalarias". Efectivamente este tipo de chamamentos son habituais nos días previos aos períodos vacacionais debido á maior mobilidade (este ano un pouco menor e intracomunitaria, debido ás limitacións do covid-19) e polo tanto ao aumento da siniestralidade por mor dos accidentes de tráfico. No propio comunicado lémbrase que son precisas, de media, 500 doazóns de sangue diarias para levar a cabo o labor asistencial cun mínimo de garantías.

Unha das poucas funcionalidades da páxina web da Ados, que nalgún aspecto non está moi actualizada nin, na miña modesta opinión, é moi intuitiva, é o semáforo das reservas de sangue. A comezos de semana esta visual ferramenta indicaba un nivel laranxa (nivel baixo) nos grupos sanguíneos A e Cero (negativos e positivos), como era de agardar. A diario saen unidades móbiles de sangue percorrendo o país a maiores dos puntos fixos existentes nas sete principais cidades galegas.

Eu, que son asiduo doador dende o mes en que cumprín a maioría de idade, adoito empregar o punto fixo que antigamente estaba no Hospital de San Xosé e que dende hai, polo menos, 10 anos se trasladou ao HULA, pola proximidade do meu lugar de domicilio e facilidade de pechar unha cita no horario que máis me convén. Teño que dicir que nunca tiven ningún problema para concertar cita ata, precisamente, esta semana.

Cando chamo para concertar día e hora de doazón a recepcionista indícame que non hai médico/a nin saben exactamente cando o haberá para darme cita. Como moito pídenme que deixe o teléfono para que me chamen cando este problema estea arranxado. Cunha cara de estupor que a telefonista non puido observar pregúntolle canto tempo hai que teñen ese problema e a resposta aínda me deixou máis confundido: varias semanas.

Así que por unha banda as autoridades sanitarias anímannos a facer doazóns diante do descenso das reservas pero por outra banda non teñen a ben cubrir o posto de médico/ a para poder realizalas froito dos continuos recortes aos que xa nos teñen acostumados dende a Consellaría de Sanidade. Sirva este artigo para poñer colorados aos responsábeis desta tomadura de pelo e para que corrixan esta situación, porque como di o lema de campaña "cada gota... conta", e unha persoa que veña poucas veces por Lugo, ou aproveita para doar cando toque facer recados, ou igual non pode volver nos vindeiros meses.

Sirvan tamén estas verbas para poñer en valor o traballo que realiza diariamente o persoal sanitario que atende aos doadores e doadoras. Nos vinte e cinco anos que levo colaborando faltou o día que non recibira un trato exquisito e profesional. Eles son a cara amable dun organismo que aínda ten moito camiño por percorrer para chegar á sociedade. E por último aproveitar para animar á poboación lucense a experimentar a doce sensación de salvar vidas. Hoxe podemos facelo pero mañá podemos precisalo.

Comentarios