martes. 26.05.2020 |
El tiempo
martes. 26.05.2020
El tiempo

Reflexións acerca da crise do Covid-19

Quero compartir con vós unha serie de reflexións acerca da xestión da pandemia e da situación crítica que estamos a vivir. Sei que son tempos novos e complexos, que se toman decisións sen precedentes na historia democrática e que nos tocou sufrir esta pandemia internacional dos primeiros. Sei tamén que non son tempos para criticar o feito se isto non ten solución xa, e que teremos tempo para facelo máis adiante, cando todo isto sexa pasado (con secuelas, pero pasado) e de pedir responsabilidades. Pero hai cousas que se están facendo mal e que poden mudarse e aí está o verdadeiro papel da oposición.

Que se tomou tarde a decisión do confinamento é máis que evidente pero recoñezo que visto dende a óptica actual, todo semella moito máis doado. Agora o que non entendín, nin entendo, é a decisión de tratar por igual a todos os territorios do Estado, cando unha vez máis, somos totalmente diferentes e así nos comportamos durante a crise. A decisión de non illar Madrid (principal foco desta pandemia) foi un erro sen precedentes que os galegos e galegas estamos a vivir en carne e oso (e que seguiremos sufrindo máis adiante). Nunha España centralista e radial, como na que vivimos (non nos enganemos), se o foco do contaxio coincide na capital e non o illas conseguirás expandilo ao resto do territorio en moi pouco tempo. Non é nacionalismo, nin ‘madridfobia’, é sentido común!

Quen non viu volver aos emigrados para a aldea de orixe estes días? E aos nenos sen clase madrileños vir á casa dos avós galegos? E aos veraneantes con piso na costa? Entendo que cada quen trate de solucionar os seus problemas como poida pero entendo, tamén, que é misión das autoridades públicas mirar polo ben global. Aldeas esquecidas, cheas de persoas maiores que son o foco onde se ceba esta pandemia, sufrindo o egoísmo do sálvese quen poida. Que bonita é agora a aldea e o rural! Que ben se vive o confinamento nun lugar aberto! Nunca o ‘illamento’ fóra un adxectivo tan prezado para un lugar como o é agora. Pero pasará a pandemia (non o dubidedes) e «volverán as escuras andoriñas».

Volveremos a consumir de xeito bestial (como se non houbera un mañá), a caer nos derivados do petróleo como se non existisen outras fontes de enerxía, a mover persoas e obxectos neste mundo global ignorando o que está a carón, a continuar na privatización da sanidade, os servizos sociais e os servizos públicos en xeral (nas malas pagamos todos, nas boas só gañan os/as grandes empresarios/as) e volveremos a esquecernos do rural! Porque o ser humano é teimudo nos erros.

Volvendo ao de illar o foco do contaxio, imaxinádesvos que foramos nós? Que viñese a través do camiño de Santiago en ano santo ou noutras circunstancias? Non o dubidedes, pecharíanse os portos e os aeroportos e situarían na Ponte dos Santos e en Pedrafita pasos fronteirizos para restrinxir a mobilidade e non estendelo ao resto do estado (o paradoxo de ver a Galiza illada con Portugal pero ben unida con Madrid foi bestial). Pois aínda que esta medida perda efectividade co paso do tempo sigue sendo importante tomala.

E de Alberto, nin falemos. Non se atreveu a pedir o confinamento de Madrid porque mantén a esperanza de liderar o PP estatal e a xestión da crise foi un desatino constante (en educación, en sanidade, en servizos sociais...), «hablándonos en castellano porque es así como hay que comunicar las cosas importantes a los gallegos». E no medio de tanto desatino teño que felicitar a postura, sempre coherente, do deputado do BNG en Madrid, Néstor Rego. Que o inicio dos contaxios (antes do confinamento) pillouno en Madrid e que se negou a volver á súa casa en Galiza, lonxe dos seus, por temor a ser portador do Covid-19. Efectivamente dentro do ser humano, cabe a esperanza pero como sociedade temos moito que aprender.

Reflexións acerca da crise do Covid-19
comentarios