Opinión

O profesorado galego está farto de recortes

O SERÁN deste xoves, celebráronse nas sete grandes cidades galegas concentracións do profesorado de educación infantil, primaria, secundaria e educación especial convocadas por todas as organizacións con representación no ensino público: CIG, CC.OO., ANPE, UXT, STEG e CSIF (ordenados de maior a menor número de delegados sindicais en Galiza). As mobilizacións de onte son a continuación dunha marcha unitaria celebrada por todos os sindicatos do ensino o día 13 de novembro en San Caetano (coa típica censura da TVG e doutros medios de comunicación) e serve para quentar motores de cara á folga convocada no ensino para o día 12 de decembro. O obxectivo de todas estas mobilizacións é presionar á Xunta de Galiza a abrir unha negociación que permita ao profesorado recuperar os 18 períodos lectivos semanais en secundaria e os 21 en primaria que nos foron recortados nos anos 2011 e 2012.

Porque efectivamente hai que retrotraerse oito anos para ver como un adiantado Feijóo colle primeiro as tesoiras para ampliar o horario de todo o profesorado desprezando un acordo asinado pola práctica totalidade das organizacións sindicais no 2007. Pouco despois, no 2012 e coa escusa dunha crise económica que non ocasionamos, o Estado lexisla sobre o horario lectivo do profesorado elevando a mínimos os 20 períodos lectivos en secundaria e os 25 en primaria, invadindo, por vez primeira dende a transición, as competencias das CC.AA. Nestes intres vemos como o profesorado de outras sete comunidades do Estado foi recuperando a situación previa á crise en canto a carga horaria pero como na Galiza a consellaría do ramo se acuartela co fin de evitar unha negociación xusta a nivel laboral.

Con esta reivindicación o profesorado galego non demanda traballar menos, senón que simplemente se respecten acordos asinados con anterioridade. O incremento lectivo supuxo un recorte sen precedentes de postos de traballo (tan só en secundaria a ampliación de 18 a 20 horas supuxo unha perda de máis de mil empregos), aumentando a impartición de materias afíns (nas cales o profesorado non é especialista) ou a denegación de desdobres que permiten unha mellor atención dunha diversidade nas aulas que vai en aumento. Este, sen dúbida é o primeiro paso dos múltiples que o profesorado ten que ir dando co fin de recuperar os seus dereitos laborais e con elo mellorar a calidade do ensino público no noso país.

Quedan moitas loitas, comezando pola derrogación dunha lei do ensino (Lomce) aprobada en solitario por un partido popular que hoxe ten tan só 89 dos 350 escanos no Congreso dos Deputados. Semella incrible ver como unha lei tan rexeitada por todos os grupos políticos (tamén a nivel sindical e por todas as asociacións dos distintos membros da comunidade educativa) siga vixente ano e medio despois da caída do goberno que a promulgou.

Porque dende o 2009 levamos sufridos moitos recortes e non só a nivel salarial. Na última década introducíronse taxas de reposición, redución de postos de traballo de persoal interino ou o incremento da privatización do ensino público. Pero esta loita debe de ir acompañada polos propios usuarios do sistema educativo xa que as medidas anteriores foron acompañadas polo incremento das ratios nas aulas que empeoran a calidade do sistema, a desatención do alumnado con necesidades educativas específicas, a saturación das aulas nas cidades, o agrupamento indiscriminado de alumnado de diferentes niveis no rural ou a desgaleguización do ensino, por citar algúns exemplos.

O horario lectivo é tan só o primeiro chanzo dunha loita complexa e longa. Agradezo a todas as organizacións sindicais a miña elección para a lectura do manifesto da concentración celebrada onte en Lugo e animo ao profesorado galego a participar de xeito activo nesta loita.

Comentarios