miércoles. 03.06.2020 |
El tiempo
miércoles. 03.06.2020
El tiempo

Por que sorrí o profeta Daniel?

28 xuño de 2018 (82 anos despois de que Galiza referendara o seu primeiro estatuto de autonomía) presentábase en sociedade a ambiciosa restauración do Pórtico da Gloria e a súa contorna, enmarcado no Programa Catedral de Santiago. As complexas obras permitíronnos descubrir a fantástica policromía orixinal tapada polo po, por produtos pouco compatíbeis cos materiais orixinais (froito de restauracións anteriores), ou literalmente destruídos polos procesos físico químicos de degradación de materiais. O proceso de restauración permitiu un maior coñecemento da obra magna do mestre Mateo mais aínda quedan numerosos fíos soltos para os investigadores do futuro.

Unha das figuras que máis curiosidade espertou sempre no Pórtico da Gloria está situada na xamba esquerda da porta central. Alí atópanse as figuras dos profetas do Antigo Testamento: Moisés, Isaías, Daniel e Xeremías, todos homes barbudos e maduros arrodeando a un enigmático Daniel co seu perenne sorriso. Xosé Filgueira Valverde dixo que con esta peza nas mans do mestre Mateo, a pedra sorriu de novo; certamente, moitos historiadores consideran que o de Daniel é o primeiro sorriso esculpido en pedra na Europa medieval. A buscada figura (por parte de visitantes e peregrinos) do mozo profeta destaca no pórtico pola plasticidade do seu pelo crecho, os vivos e amendoados ollos e un leve sorriso que deixa entrever a brancura dos seus dentes. Un sorriso que revoluciona o rictus arcaico helénico nunha cara adolescente e imberbe que destaca entre o resto de profetas.

Este sorriso dá nome a unha asociación galega creada no 2010 coa finalidade de poñer en valor o románico galego

Este xesto dá nome a unha asociación galega creada no 2010 coa finalidade de poñer en valor o románico galego. O inmenso traballo realizado polo Sorriso de Daniel nesta escasa década fíxoa merecente de recibir no 2018 o Premio Cultura Galega ás Iniciativas en prol do Patrimonio Cultural, galardón outorgado pola Xunta de Galicia ás persoas físicas ou xurídicas con «traxectoria vencellada á protección, conservación e difusión da riqueza cultural galega, en calquera medio e en calquera eido de actuación» como parte dos Premios da Cultura Galega.

O primeiro contacto que tiven coa entusiasta asociación foi a través do seu fermoso calendario de mans da licenciada de Historia da Arte Carolina Casal Chico. As fantásticas fotos da polifacética Soledad Felloza achégannos aos restos pétreos dun glorioso pasado como pobo, o románico, reivindicando un presente digno para moitos dos bens que se atopan en críticas situacións. O calendario deste ano estivo centrado no románico da Ribeira Sacra esquecido pola declaración de BIC e tivo como protagonistas ás igrexas de San Pedro de Portomarín, Santa María de Piñeira, Santiago de Requeixo ou Sanxillao de Lobios, entre outras.

Pero a maiores do calendario, O Sorriso do Daniel reivindica actuacións sobre o patrimonio diante das administracións competentes, realiza xeiras para coñecer o románico galego e ponse mans a obra para facer actuacións de limpeza e posta en valor cando é necesario como as feitas en San Paio de Abeleda (Castro Caldelas) ou máis recentemente en Albeos (Crecente).

E cando apenas pasou unha semana da saída dos restos do ditador do Val dos Caídos, hai que lembrarlle ao futuro goberno do Estado que con iso non remata o traballo. Na Galiza aínda agardamos a devolución de varios dos bens que Franco nos espoliou (coa complicidade actual da xustiza) como as imaxes de Abraham e Isaías do Pórtico da Gloria, que tanto leva reclamado O Sorriso de Daniel.

Por que sorrí o profeta Daniel?
comentarios