Opinión

Perigo de derrube da ponte de Galiñeiros

A Ponte de Galiñeiros é unha construción medieval que se atopa na parroquia de Arxemil (concello do Corgo) para salvar o río Chamoso, inmediatamente despois da súa unión co seu principal afluente, o río de Romeán. Esta magnífica obra medieval está en serio perigo de derrube pola apertura dunha fenda entre a liña de doelas da fachada Sur da ponte e o resto de pedras de cantaría da bóveda, que foi en aumento nos dous últimos anos. Porén, antes de seguir falando do estado actual seguiremos contextualizando a súa importancia para os que non a coñezan.

Diciamos ao comezo que a ponte de Galiñeiros servía para cruzar o río Chamoso. Este é un dos afluentes máis importantes do río Miño que, nacendo no concello de Castroverde, atravesa O Corgo e nos últimos quilómetros antes da súa desembocadura entre Santa Comba (Lugo) e Paradela (O Corgo) sirve de límite natural co concello da cidade amurallada. O río Chamoso nace da unión dos regos da Esvaradoira e do Lameirón, preto do Vitureiro, aos pés da Serra do Miradoiro (concello de Castroverde). Pola súa marxe dereita recibe o río Romeán (ou “de Romeán) que tamén nace no concello de Castroverde. Este último fórmase pola unión dos regos da Barranca e das presas preto da fonte do Canteiro, recollendo as augas da faldra Sur da Serra do Monciro. O río Romeán recibe o nome dunha das parroquias polas que pasa e ao longo do seu percorrido tamén fai de límite natural entre concellos (Lugo-Castroverde e Lugo-O Corgo).

Pois, como indicamos no inicio, a ponte de Galiñeiros está situada xusto despois da unión de ambos ríos. Trátase dunha ponte medieval de cantaría, dun só van, resolto mediante un arco de medio punto de 11,6 m de luz, cunha rasante superior alombada. A ponte conta cun peitoril de formigón, inapropiado, pero ata hai dous anos o seu estado de conservación era aceptábel. Por enriba dela pasa hoxe unha estrada asfaltada de ámbito local que une as parroquias corguesas de Arxemil e Pedrafita. Pese a non estar deseñada para iso, nas últimas décadas foi atravesada por pesada maquinaria agrícola e forestal, ademais de ser un dos puntos máis senlleiros do rally San Froilán ao seu paso polo Corgo polo pronunciado alombamento que provocaba na estrada.

A existencia desa ponte ven a indicar que por aí pasaron camiños medievais importantes que comunicaban a cidade de Lugo coa meseta. Hoxe está sinalizada por alí a vía Künig, baseada na propia guía escrita por Hermann Künig no 1495. A Vía de Künig sae de Alemaña pola Vía Alta e enlaza no Sur de Francia coa ruta marcada polo libro V do Codex Calixtinus. Ten lóxica que o monxe alemán se desviase do Camiño Francés (nas Ferrarías-Veiga de Valcarce) seguindo o percorrido: Pedrafita do Cebreiro, As Nogais, Becerreá, Baralla, O Corgo e Lugo para volver a enlazar co Camiño Francés en Melide, por dous motivos. O primeiro deles sería escapar nos duros invernos das terríbeis subidas ao Cebreiro (como o ‘Allefaber’, A Faba), alto de San Roque e alto do Poio. A segunda, visitar a cidade de Lugo (con só un pequeno rodeo de 17 km) que xa no século XIII posuía, nunha capela lateral da Catedral, un altar para a adoración ao Santísimo Sacramento, día e noite, á vista dos fieis.

Mais non foron os peregrinos os que produciron ese deterioro senón os excesos de tonelaxe mencionados antes, os que foron provocando unha fenda lonxitudinal que ameaza co derrube da fachada sur da ponte se non se toman medidas urxentes para a súa consolidación. Este feito foi levado a pleno polo BNG en outubro de 2020, por vez primeira. Naquel intre habilitouse outra ponte provisional augas arriba (mentres non se construía unha definitiva) para desviar o tráfico, cortando a ponte medieval con pedras de cantaría de grandes dimensións. Este feito non impediu que certas persoas moveran as pedras para seguir utilizándoa e a fenda foise expandindo aínda máis. O BNG volveu a levar hai unha semana o tema do seu apuntalamento e da urxente rehabilitación porque o inverno xa está aí e ameza con acabar definitivamente con ela.

Comentarios