Opinión

Peaxes nas autovías: tiro no pé para a provincia

FOI ALÓ por novembro do ano pasado cando o secretario de Estado de Infraestruturas, Pedro Saura, advertira do interese do Ministerio de Fomento en aprobar un novo modelo de financiación de estradas a curto prazo que contemplaba a posibilidade de cobrar polo uso das autovías. Uns días despois o Parlamento galego aprobaba por unanimidade unha proposta do BNG para amosar a máis rotunda oposición á intención do Goberno central de estabelecer peaxes nestas estradas de alta capacidade por ser unha medida regresiva e que establece barreiras económicas no acceso a servizos básicos como as infraestruturas viarias ademais de poñer en risco a seguridade viaria, nun país cunha orografía complexa como Galiza.

Todo isto nunha provincia con malas comunicacións e nunha Galiza que aínda ten por desbloquear a transferencia da AP-9

Hai unhas semanas que o ministro de Fomento en funcións, José Luis Ábalos, retomaba o asunto das peaxes, no que para uns é un globo sonda de Fomento, para outros unhas simples reflexións en alto do señor ministro e para a maioría algo polo que debemos de preocuparnos tendo en conta o que di o noso refraneiro de cando se oe o río. O certo é que se se chega a implantar esa medida a provincia de Lugo veríase moi afectada porque a actual estrutura viaria está alicerzada en torno ás autovías que xa están en marcha hoxe e as que quedan por vir.

Este cobro, por moi simbólico que poida ser, suporía un grande atranco para o desenvolvemento económico e a cohesión social da provincia de Lugo e de Galiza. Unha medida que coma algunhas da Dirección Xeral de Tráfico pensa máis na recadación que na propia seguridade dos usuarios, e que nos obrigaría a toda a cidadanía a pagala dúas veces, a primeira na súa construción e mantemento anual, cos nosos impostos, e agora coas peaxes como se houbera que construílas de novo.

O impacto desta medida sería moito menor nunha provincia con boas alternativas ás autovías como poder ser o tren. Pero por moito que pelexe a plataforma homónima, o tren hai moito tempo que se perdeu na nosa provincia, se é que algún día o chegamos a ter. Afectados por unha rede radial a nivel estatal, a nosa provincia carece dunhas conexións que fagan do tren ese medio de transporte útil en distancias curtas ou medias. Outra alternativa ás autovías son as estradas nacionais paralelas pero neste caso vemos como coa escusa da crise económica moitas delas quedaron esquecidas polo ministerio que dirixe, en funcións, o señor Ábalos (véxase a estrada Nacional VI dende Lugo ata Pedrafita do Cebreiro que leva coa mesma capa de aglomerado dende hai tres décadas!).

Unha provincia que sufriu os numerosísimos retrasos na construción das autovías existentes e das aínda non rematadas, como a A-54 a Santiago ou a A-56 a Ourense, e que padece a diario as consecuencias dun mal deseño como foi o trazado da A-8 polo Alto do Fiouco (algún amigo meu chanceaba estes días nas redes sociais sobre a posibilidade de facer un abono aos afectados polos numerosos cortes desta autovía).

Todo isto nunha provincia con malas comunicacións e nunha Galiza que aínda ten por desbloquear a transferencia da AP-9, que articula o eixo atlántico, para que, sendo galega, se poida mirar de reducir ou liberar unhas peaxes abusivas que a converten nunha das máis caras, non só da Península, senón de toda Europa.

Comentarios