Opinión

Pasiño a pasiño, cara a independencia

Xa sei que non son nada orixinal no tema; antes ca min fixérono outros moitos colaboradores ao longo destes cinco días posteriores ás eleccións celebradas o día de San Valentín en Catalunya, pero non por iso vou deixar de dar a miña opinión ao respecto. Fágoo para poñer a nota discordante nun tema no que predomina a opinión oficial que emana dos medios metropolitanos, totalmente antagónicos aos medios cataláns e, porque non dicilo, aos medios de prestixio a nivel internacional (BBC...), que sempre terán unha visión máis obxectiva que as empresas ligadas á comunicación peninsulares.

O titular das eleccións é indiscutiblemente que o independentismo avanza a paso firme en Catalunya. Calquera outro titular é totalmente secundario, tanto que se refira ao efecto Illa no PSC, como ao derrubamento de Cs, ou ao sorpasso de Vox ao PP, minucias que non van afectar á gobernabilidade da Generalitat na vindeira lexislatura. Ten algo máis de importancia o adiantamento electoral (palabra que non está tan de moda pero que é máis propia) de ERC a Junts, xa que esa pequena diferenza marcará a cor política da presidencia de Catalunya e do resto de responsábeis institucionais, pero segue a ser claramente unha noticia de segunda liña.

O verdadeiramente relevante é que o independentismo en Catalunya supera por primeira vez o 50% de votos, acadando 74 dos 135 escanos no Parlament, e que elección tras elección aumenta tanto en porcentaxe de votos como en representación territorial nas Cortes catalás. Pensade que en apenas 20 anos o independentismo multiplicouse por tres en Catalunya froito de varios desplantes e do autoritarismo do Estado español fronte á soberanía catalá. Unha posición de enfrontamento que seguirá aumentando a fenda entre os independentistas e os unionistas porque o caladoiro de votos dos primeiros non está nas velliñas malladas pola policía española o 1 de outubro, está entre a rapazada (os votantes actuais e os futuros).

Outra das análises máis recorrentes na noite de autos (a algo había que agarrarse!) era a das dificultades que tería o bloque independentista para forxar un goberno sólido. Que dende España se xulgue os problemas de gobernabilidade que poida ter Catalunya no futuro é sinceramente hilarante! Que rápido nos esquecemos de que entre o 2015 e o 2019 se tiveron que celebrar catro procesos electorais no Estado por mor da falta de acordos, que no 2018 unha moción de censura cambiou os mandatarios ou que os equilibrios parlamentarios que dan estabilidade ao actual goberno sexan máis propios dun circo que da gobernabilidade dun estado avanzado.

Unha das razóns pola que o PSC se alzou como partido máis votado o pasado domingo (e que os Comúns se mantiveran) foi porque a Catalunya non independentista estaría disposta a buscar unha alternativa dialogada ao conflito (o nacionalismo español representado pola tríada Vox-Cs-PP obtivo só 20 escanos). Esa será a misión de Salvador Illa neste mandato: erixirse en intermediario entre os gobernos catalán e español para intentar buscar solucións a un problema que se ven arrastrando dende hai máis de 15 anos (antes xa da afronta que supuxeron os recursos ao Estatut).

Remato felicitando á sociedade catalá por celebrar con éxito e garantías uns comicios que non tiñan que terse celebrado en pleno pico da terceira onda. Fixérono con todas as medidas de seguridade e cunha organización envexábel. Como non, felicitar aos partidos independentistas polo seu triunfo electoral nunhas condicións de completa anomalía democrática (líderes exiliados, que teñen que durmir en prisión...) e cunha forte presión dos medios de comunicación estatais para dirixir o voto cara unhas siglas. A eles deséxolles acerto nas decisións, polo ben de todos e todas.

Comentarios