Opinión

O sabor dos Ancares

O título do artigo vén a ser o novo proxecto de comercialización directa que está a desenvolver a cooperativa “A Carqueixa” de Cervantes. Se no artigo da semana pasada falabamos da importancia que un crego, Afonso Blanco, tivo en Guitiriz e, por extensión, na Terra Chá, neste teriamos que citar a outro párroco que revolucionou o seu concello de adopción, Cervantes, e en xeral a toda a montaña lucense: Ramiro Martínez Carballosa. Coñecedor da súa humildade, sei que se dedico un artigo para falar do seu labor de dinamización socioeconómica nos Ancares sería motivo máis que suficiente de perda da súa amizade, e como iso é un luxo que non podo permitirme serei cauto na escrita.

Tan só dicir que a cooperativa A Carqueixa segue tendo a súa sede na Casa Reitoral de San Román de Cervantes (a bo entendedor...) e que vinte e cinco anos despois da súa fundación reúne a 200 cooperativistas cunha media de cabezas de gando dunhas 25 vacas. A Carqueixa é máis que unha cooperativa que busca mellorar os rendementos económicos dos seus socios, é todo un proxecto de desenvolvemento rural nunha zona fortemente sacudida polo envellecemento e o despoboamento nas últimas décadas. Unha ferramenta máis, autoxestionada, que busca fixar poboación e con elo axudar a manter viva a unha comarca da que todos os galegos e galegas gustamos acudir para gozar da súas espectaculares paisaxes e desconectar do frenético ritmo de vida.
Porque se hai traballo hai habitantes, e se hai persoas hai servizos que axudan a manter poboación, e rózase a maleza, e pácense os prados, e límpanse os montes, e non se pechan os camiños e en definitiva iso redunda nun control dos incendios e nun hábitat vivo moi atractivo á hora de captar turistas que abren outro sector económico que tamén foi perdendo pulo nos últimos anos. Toda unha complexa cadea que dificilmente se pode montar sen os actores locais pero na cal as administracións públicas poderían ter un relevante papel se realmente cresen nun rural vivo e nunha montaña con futuro.

Pero volvendo ao rego, o punto forte da cooperativa A Carqueixa é a cría e comercialización de carne de tenreira galega suprema. Xatos que viven en liberdade nun medio ecolóxico e sostíbel e cunha alimentación que se fundamenta na lactancia materna ata os 7 meses, co complemento de pastos e forraxes. Unha carne de extraordinaria calidade que os/as consumidores/as podemos gozar nas nosas casas en lotes variados de carne de 5 e 10 quilogramos grazas ao proxecto de comercialización directa baixo o lema de “O sabor dos Ancares”.

Cunha campaña de comercialización fresca e orixinal a través das redes sociais a cooperativa trata de conseguir un prezo xusto para os gandeiros ao eliminar a distintos intermediarios da cadea. Un proxecto que aposta por alimentos de calidade, fronte á produción de gandarías intensivas, e que busca captar clientes en toda a península co ambicioso reto de que a cría tradicional de xatos se manteña como unha actividade económica atractiva aos mozos e mozas da montaña que teñen a humilde ambición de ligar o seu futuro á terra que os viu nacer.