Opinión

Muvicla ou o orgullo de pertenza ao rural

NO ARTIGO de hoxe vouvos recomendar unha visita a unhas instalacións que son imprescindíbeis para termos consciencia da importancia do medio rural e dos cambios que este sufriu no último século. Chámase Museo Vivo e Integrado do Campo e da Locomoción Agraria (Muvicla) e atópase na parroquia de Trasliste, no concello lucense de Láncara. Para visitalo, fóra das axudas que hoxe nos proporcionan os GPS, recoméndovos saír da A-6 no Corgo, coller a N-6 en dirección Madrid e aos poucos metros xa uns indicadores vos desviarán á dereita pola estrada de Santalla, primeiro, e Trasliste, despois (en todo momento indicado con sinais verticais).

A visita guiada ás instalacións (concertada previamente por correo electrónico) é totalmente apta para todas as idades, e moi recomendada para as crianzas que comezan a ser unhas grandes descoñecedoras do que alí van ver. O Muvicla está instalado na Casa de Vázquez de Trasliste, unha casa de labranza que conta con 200 anos de historia e que segue activa como tal (produción de Tenreira Galega Suprema e carne e mazás ecolóxicas). O museo está integrado, polo tanto, nunha explotación gandeira (unha porta corredoira separa as dúas instalacións) e vivo porque todas as pezas alí custodiadas funcionan.

Recentemente visitei o museo coa miña familia. Nada máis chegar recibiunos Marcos Vázquez, director do museo, que amosa o orgullo de continuar cunha secular tradición labrega en cada explicación que dá. Pero como é unha explotación en funcionamento por alí tamén poderás atopar aos pais, á muller (tamén enxeñeira, como el) ou o mozo Brais, que xa apunta maneiras para coller testemuño cando lle chegue o momento. O percorrido comeza ao pé da centenaria figueira da casa cuxa mesta e fresca sombra fará as delicias dos visitantes nos meses de verán. Tras dunhas breves explicacións contextualizadoras comezamos facendo un Paseo pola historia en tractor nun xeitoso pendello tipo feira.

Alí gozamos da restauración de cinco antigos tractores (todos en funcionamento) e da sonoridade dos vellos motores, comezando polo Ferguson TEA 20, primeiro tractor con elevador hidráulico a tres puntos e que a maiores permite a posibilidade de acendido por manivela (chama moito a atención dos/as raparigos/as e dos que xa non o somos tanto). Calquera deses cinco tractores amosan e contextualizan algún feito histórico importante na mecanización do noso rural no último século, algo que Marcos goza comentando e ampliando se entre os visitantes atopa persoas con coñecementos técnicos na materia.

A continuación entramos no vello establo (primeiro da parroquia) onde atopamos dende a evolución histórica do tratamento de cereal (dende o malle ou o trillo a unha colleitadora autopropulsada Massey Ferguson 31), o taller de restauración de maquinaria ou unha colección de miniaturas de maquinaria, todo nun espazo multifuncional capaz de converterse en pequeno auditorio para presentacións e recepcións.

Fóra das instalacións permanentes puidemos admirar unha pequena exposición comisariada por María José Bande para amosar o glamour do rural onde antigos coches de luxo conviven con tractores por seren marcas que tiveron ambas liñas de produción. Na antiga eira de mallar despedímonos con ganas de volver visitalos e coñecer un pouquiño máis sobre o noso pasado porque as posibilidades no Muvicla son infinitas (paseo en tractores clásicos, comidas no propio museo con alimentos procedentes na explotación, obradoiro de pan con trigo sementado en Trasliste...), porque alí atoparemos as claves dun futuro digno e o que é máis importante, dun futuro adaptado á nosa terra.

Comentarios