Opinión

Misoxinia institucional

A semana pasada producíronse unha serie de vergoñentos feitos que demostran que aínda estamos moi lonxe de acadar a igualdade entre mulleres e homes. Todos os feitos aconteceron no ámbito institucional e público, no que todo está filtrado e supervisado por varios ollos, o que demostra o interiorizados que seguen estando estes comportamentos machistas e o perigo de involución que se pode producir trala posta en escena de partidos ultradereitistas no ámbito estatal e internacional.

O primeiro deles produciuse en Turquía nun encontro entre o presidente do Consello Europeo, Charles Michel, a presidenta da Comisión, Ursula von der Leyen, e o presidente turco, Recep Tayyip Erdogan. Ambos os dous homes ocuparon as principais cadeiras do encontro mentres que Ursula, que ten o mesmo rango que Michel e Erdogan, pasou a ocupar o sofá disposto en segundo plano despois duns incómodos intres. Non foi un simple erro de protocolo, xa que cando Juncker era o presidente da Comisión si tiña o mesmo trato igualitario que Tusk, presidente do Consello, nas súas visitas a Estambul. A actitude machista e provocadora de Erdogan viña a ratificar, pola vía dos feitos, un dos acordos da devandita reunión: a saída de Turquía dun tratado para combater a violencia contra as mulleres e a violencia doméstica (curiosamente coñecido como Convención de Estambul, xa que foi asinado na cidade turca en 2011, e polo tanto Turquía foi o primeiro país en rubricalo).

O segundo feito produciuse na TVG, esa televisión que pagamos todas e todos os galegos como un servizo público e un puntal para a "nosa lingua e a nosa cultura" (perdoade que o poña en dúbida), cuns magníficos profesionais que seguen reclamando cada venres (e xa pasan de 150) o final da manipulación da información na CRTVG polo partido que goberna na Xunta de Galiza. O feito aconteceu no Land Rober Tunai Show no que se forzou a que unha rapaza do público volvese coa súa parella pese a ser vítima de acoso. O grave foi que despois da grandísima metedura de zoca ninguén decidise eliminar esa parte do programa, pese a ser un falso directo, expoñendo á rapaza nun dos programas de maior audiencia da TVG. Só cando distintas organizacións comezaron a queixarse nas redes apareceu unha ridícula desculpa do presentador, Roberto Vilar, á audiencia (que non á moza).

E para pechar a semana pasada, non se lle ocorre mellor idea a José Tomé, presidente da Deputación e alcalde de Monforte, cuestionar a vestimenta da líder da oposición, Elena Candia, polo seu "aspecto de leopardo" na performance feita por ela e os alcaldes populares para protestar, diante do Pazo de San Marcos, polo estado de abandono das estradas provinciais. Afortunadamente houbo xente dentro do PS OE de Lugo, como Álvaro Santos, que tivo a valentía de erguer a voz para criticar ese desafortunado comentario machista.

Por desgraza nos últimos anos, políticos de todo o mundo deixáronnos frases que por ofensivas e noxentas tratarei de omitir aquí pero que todo o mundo pode consultar en internet: dende Putin, Erdogan ou Trump na esfera internacional a Arias Cañete, León de la Riva (exalcalde de Valladolid), Torres Hurtado (exalcalde de Granada), David Pérez (conselleiro de Vivenda de Madrid), no ámbito estatal (por certo, todos do PP ) ou José Manuel Castelao Bragaña, pontevedrés de nacemento, que desempeñou distintos altos cargos co PP e fixera aquela terrible analoxía co de violar as leis.

Afortunadamente os tres desgraciados acontecementos da semana pasada tiveron como contrapunto positivo hai uns días a aprobación por unanimidade, no Parlamento de Galiza, dunha iniciativa presentada polo BNG para que as mulleres que sofren violencia vicaria (a que se exerce a través da vida dos seus fillos e fillas) sexan consideradas vítimas de violencia machista e, por tanto, podan ter acceso á protección, protocolos e a todas as axudas previstas na Lei 11/2007. Pequenos-grandes avances que fan ter confianza no futuro desta sociedade.

Comentarios