miércoles. 03.06.2020 |
El tiempo
miércoles. 03.06.2020
El tiempo

Merecidas homenaxes a Isaac Alonso Estraviz

SE HAI UN mes a sétima edición da Festa da Afirmación e a Dignidade, celebrada no Pedregal de Irimia e promovida conxuntamente polas asociacións Irmandade Manuel María e Xermolos (coa colaboración do Concello de Meira) rendía tributo ao escritor e filólogo Isaac Alonso Estraviz, mañá tócalle a quenda a Adega nese recuncho máxico chamado Eira da Xoana que a asociación ecoloxista ten no Alto Ulla, a pouco máis dun quilómetro do lugar onde se xuntan as provincias de Lugo, A Coruña e Pontevedra. Será un acto sinxelo, cun xantar comunitario seguido de palabras e música para homenaxear unha persoa que resultou clave pola súa contribución lexicográfica
á lingua galega.

Estraviz naceu en Trasmiras (Ourense) hai preto de oitenta e cinco anos e foi frade no mosteiro de Oseira, onde nunha interesante entrevista publicada pola editorial Através de Nós no 2013, ‘Conversas com Isaac Alonso Estraviz’, Bernardo Penabade recollía a anécdota de que ata o mesmísimo Estraviz chegara a confesar na súa mocidade o pecado de falar en galego. É triste, pero pasados setenta anos desas confesións, en plena democracia e despois de case catro décadas de normalización lingüística moitos dos nosos mozos e mozas galegofalantes seguen a cambiar de idioma en certos ambientes porque se avergoñan da súa lingua materna, o que demostra o rotundo fracaso desas políticas normalizadoras (ou acerto, dependendo do bando dende o cal se mire!).

Volvendo ao rego, Estraviz leva loitando pola normalización do galego toda a súa vida dende distintas ópticas. Nos longos e escuros anos do franquismo Isaac traballou cóbado con cóbado no grupo de Galaxia para promover ese importante rexurdimento cultural galego na segunda metade da ditadura. Foi tamén unha peza importante na galeguización da igrexa coa tradución de numerosos textos relixiosos ao noso idioma ademais de pertencer a distintos colectivos do cristianismo de base, pero a súa maior achega ao galego está no impoñente traballo lexicográfico.

Isaac é licenciado en Filosofía e Letras e Filoloxía Románica e doutor en Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago de Compostela no 1999. Foi docente no ensino secundario e posteriormente profesor de Didáctica da Lingua e Literatura Galegas na Universidade de Vigo (campus de Ourense) ata a súa xubilación. Ten nas súas costas ducias de libros publicados e centos de artigos nas máis diversas revistas. O seu dicionario de lingua galega foi obra de imprescindíbel consulta nas súas versións en papel (Alhena no 1986 e unha versión resumida por Sotelo Blanco no 1995) e está a ser fundamental na súa versión electrónica.

O dicionario electrónico Estraviz (estraviz.org), que vai xa na versión 3.0, é un dos máis completos manuais das linguas románicas publicados na rede con máis de 137.000 entradas tanto das ramas máis populares como das científicas e técnicas. O Estraviz é un dicionario pensado para toda a lusofonía pero sobre todo para a cidadanía galega, habendo algunha editorial portuguesa interesada en levalo ao papel se tiver un volume máis manexábel (tan só a letra C precisaría tres tomos!). Todo un monumento construído verba a verba por un home afable e humilde.

Hoxe Estraviz segue afortunadamente moi activo e con moitos proxectos en mente, sendo membro da Comisión Lingüística da Associaçom Galega da Língua (AGAL) e vicepresidente da Academia Galega da Língua Portuguesa (AGLP). Leva moito feito pero Isaac ten claro que a súa loita non rematará mentres queden nenos que aínda se avergoñen da lingua que herdaron da súa nai.

Merecidas homenaxes a Isaac Alonso Estraviz
comentarios