Opinión

A nefasta xestión da Xunta de Galiza

No artigo de hoxe seguiremos a analizar a xestión da crise polo Covid-19. Esta semana escoitáballe a algún coñecido dicir que trala actual pandemia, Feixóo conseguiría revalidar a maioría absoluta nas eleccións galegas de comezos de outono. Os meus compañeiros de faladoiros baseábanse nos datos de afectados na Galiza e no efecto propagandístico que medios públicos como a RTVG, ou privados como La Voz de Galicia, estaban a facer da xestión da Xunta. E efectivamente, fíxome pensar que unha análise moi superficial da actualidade poderíanos levar á mesma conclusión, co perigo que isto pode traer consigo.

A verdade é que Feixóo está nunha posición de tranquilidade relativa. Por unha banda o Goberno do Estado recentralizou competencias polo que lle puxo en bandexa o disparar contra Sánchez naqueles aspectos negativos que lle poidan salpicar. A isto hai que sumarlle a aversión do actual presidente da Xunta a asumir novas competencias (podémoslle chamar a isto incompetencia?). De feito, estaría encantado de regalar moitas das que levamos conquistado nestas últimas décadas (incluso de regalar a autonomía se non servise para ‘colocar’ a moitos dos seus achegados, incluído a el). Un exemplo diso tivémolo o mércores a medio día trala xuntanza entre as Consellarías de Educación e o Ministerio. A nosa conselleira, Carmen Pomar (exemplo de incompetencia na xestión da crise, como ben analizamos hai quince días nesta mesma columna), queixábase nun comunicado de que o Ministerio non establecera un marco normativo «único» a nivel estatal, deixando en mans das CC AA a posibilidade de facelo.

Por outra banda, a xestión do presidente pouco ten que ver nos datos positivos de contaxios e mortes na nosa nación, máis debidas a que as medidas de confinamento nos colleron nun estadio inicial do espallamento da enfermidade e sobre todo por mor dunha alta dispersión xeográfica que fai de eficaz barreira nos contaxios. Menos habería se nun primeiro momento pechasen Madrid como foco radial da infección, pero iso xa o comentamos hai tres semanas.

Aao PP iso de privatizar vaille nos xenes. Pódese considerar boa xestión recortar o número de prazas hospitalarias públicas arredor do 10% na última década?

Señor Feixóo, onde estaba vostede cando no 2017 o Consello de Contas de Galiza emitía un informe para denunciar diversas irregularidades no funcionamento das residencias da terceira idade? Moitas delas non tiñan persoal cualificado ou este era insuficiente para atender aos usuarios/as, outras moitas non dispuñan de recursos materiais suficientes. Estas foron as conclusións dunha serie de inspeccións feitas entre o 2014 e o 2015. A resposta da Xunta non foi a da sanción diante do incumprimento reiterado por parte das residencias privadas senón o de mirar para outro lado, nunha connivencia que vén de vello. Señor presidente, lémbrolle que o 42% dos falecementos por coronavirus na Galiza están asociadas a centros de maiores!

Porque ao PP iso de privatizar vaille nos xenes. Pódese considerar boa xestión recortar o número de prazas hospitalarias públicas arredor do 10% na última década (no 2016 o conselleiro de Sanidade contestaba ao respecto no Parlamento que as camas eran importantes nos hoteis pero non tanto nos hospitais)? Estivo ben a cesión de respiradores a Madrid cando no CHUO (Ourense) tiveron que buscalos nas clínicas privadas para afrontar a terríbel situación? Por favor, Albertiño, a próxima vez a campaña madrileña para preparar a túa carreira de aspirante á Moncloa págala do teu peto sen xogar coa vida dos galegos e galegas.

A verdade é que non lle podía saír mellor a precampaña electoral do señor presidente cando ten disolto o Parlamento de Galiza e polo tanto silenciada á oposición. Esta pouco pode facer para achegar propostas ao conflito, máis que patexar para que algún medio recolla as súas construtivas iniciativas.

Comentarios