Opinión

Malos orzamentos para Galiza

ESTAMOS A piques de ver materializados uns orzamentos que volven a relegar a Galiza a unha comunidade autónoma de terceira dentro do panorama estatal. Se antano tocou queixarse polo maltrato das últimas contas de Montoro e do PP (as de 2018), non podemos quedarnos de brazos cruzados diante das do 2021 por moito que os dous partidos responsábeis, PSOE e Podemos, se gaben de ser de esquerdas. Un proxecto de OXE para o 2021 cun descenso territorializado que deixa na Galiza un 11% menos de investimento, o que se traduce nunha caída de 104 millóns de euros sobre os últimos orzamentos aprobados polo PP. Para Gonzalo Caballero os Oxe do 2018 eran "unha labazada do PP aos galegos", porén estes semellan marabillosos.

E outra vez veremos como as deputadas e deputados galegos dos partidos do Goberno volverán a ser fieis ás directrices madrileñas para votar en contra dos intereses dos/ as seus/súas votantes e da veciñanza que representan (a esta vez tócalles aos do PSOE e Podemos, pero nas últimas contas aprobadas os "traidores" foron os/as do PP). A moitas persoas estas posicións seméllanlles localistas e afirman que hai que mirar a globalidade das contas no conxunto do Estado pero estou absolutamente en contra de tal afirmación. No seu momento non tiven a opción de votar nin por Pablo Iglesias, nin por Pablo Casado nin por Pedro Sánchez se non polos que hoxe son representantes nas cortes da provincia de Lugo para defenderen os nosos intereses no conxunto do Estado. E vale xa de tanta débeda histórica, é hora de ir reclamando o que nos pertence por lei!

Dende o Goberno xustifican a baixada nos investimentos pola chegada xa do Ave a Galiza e este argumento déixame completamente atónito. U-lo Ave? Cando estea rematado, como lle leve tanto tempo chegar a Madrid como tempo lle levou facerse, é mellor ir montado nunha besta que en tren! E falando deste medio de transporte, o Mitma dotou dunha partida de 1.500 millóns de euros para modernizar as "cercanías ferroviarias ". Evidentemente dese importe Galiza non recibirá ningún só euro, entre outras cousas, porque no noso país non existen directamente. Esa foi unha das moitas emendas que o BNG defendeu no debate dos OXE e que tanto PSOE como Podemos rexeitaron sen contemplacións.

Relacionadas coa comarca de Lugo rexeitáronse nas Cortes emendas relacionadas coa comunicación por tren con Santiago de Compostela ou coa variante ferroviaria de Parga. Tamén se obviaron infraestruturas viarias como arranxos do pavimento na N-VI e da N-540, así como a mellora da seguridade vial da N-VI ao seu paso polo Corgo e Outeiro de Rei.

Iso si, véndennos que son uns orzamentos moi sociais para tranquilizar as conciencias dos que somos de esquerdas. Porén votaron en contra de propostas do BNG nese sentido como equiparar as pensións mínimas ao Salario Mínimo Interprofesional (hai que lembrar que as pensións representan unha grande fenda de xénero e territorial, con Lugo e con Ourense á cola das pensións do Estado).

Tamén votaron en contra de incrementar a partida destinada a financiar a Lei de Dependencia en 250 millóns de euros, que os sectores especialmente vulnerábeis no contexto actual paguen menos impostos, a eliminación do Ive das máscaras e outros materiais de protección fronte a covid-19, a rebaixa do Ive ao 4% nos produtos culturais...

Pero tranquilidade, o gasto militar subirá en case un 5% (400 millóns de euros), o CNI levará outros 300 millóns de euros a maiores e a Casa Real incrementará tamén a súa partida. Ben o merecen!

Comentarios