Opinión

O longo sufrimento do pobo saharauí

Basta xa de medias tintas no conflito, da venda de armas a Marrocos, de branquear internacionalmente países colonialistas

AOS NACIDOS no período democrático a historia do Sáhara Occidental quédanos tan lonxe no plano sentimental como quilómetros nos separan. As periódicas acollidas de nenos saharauís nos veráns veñen lembrarnos que ese anaco de territorio africano situado ao sur das illas Canarias tivo algún tipo de vinculación connosco ademais de visualizarnos un conflito político que, como o palestino, non deixa de sangrar diante do cruzamento de brazos da comunidade internacional. Porén, ás xeracións máis recentes, como a denominada Xeración Z (como lle chamarán á seguinte despois de rematar as letras do abecedario?), falarlles do Sáhara vén ser como falar doutro territorio do Magreb.

A historia colonialista española con ese territorio norteafricano remóntase ao século XV e tivo como máximo apoxeo a vitoria na batalla de Tetuán que puxo remate á Guerra de África. O Sáhara remataría sendo unha colonia española e posteriormente provincia (na época dos meus pais aparecía naqueles mapas políticos da escola franquista debuxado nun recadro por enriba das Canarias e a unha escala moi inferior a do resto). Sen pretender ser esta unha clase de historia irei rematando esta xa longa introdución co abandono total deste territorio por parte do Estado español (marcha verde) deixándoo en mans dos exércitos xenocidas de Marrocos e Mauritania. Nese punto o monarca emérito xogou un escuro papel do que só os libros de historia do futuro deitarán negro sobre branco.

A partires de aí a Fronte Polisaria proclamou a República Árabe Saharauí Democrática (RASD) nun proceso de liberación do territorio que leva anos enquistado pola ocupación por parte de Marrocos da maior parte do seu territorio (a zona oeste). Segundo a Onu, o Sáhara Occidental está considerado como territorio non autónomo que leva xa décadas agardando pola convocatoria dun referéndum. Entre mentres Marrocos dilata a convocatoria coa finalidade de que a poboación marroquí instalada en territorio saharauí (xa maioritaria) teña dereito a voto e incline a balanza ao seu favor. Un conflito como o palestino, de nacións ocupadas, que sangran periodicamente diante do desleixo internacional.

Unha ocupación totalmente ilegal que leva máis de 44 anos co beneplácito do Estado español e do Rei emérito. Case cinco décadas de espolio dos recursos saharauís e de xeracións que só coñecen os campos de refuxiados (campamentos situados na provincia arxelina de Tindouf) como lugar de nacemento e vida. Unha ocupación que segue a deixar civís mortos mentres a comunidade internacional pecha os ollos. Mesmamente, o venres pasado as forzas armadas marroquís atacaban a civís saharauís desarmados que levaban bloqueando de xeito pacífico o paso aberto por Marrocos de xeito ilegal no Guerguerat, co fin de dar saída cara o Sahel de recursos espoliados nos territorios ocupados. Unha acción militar que vulnera o acordo de alto o fogo asinado en 1991, tensando aínda máis as complexas relacións na zona.

Basta xa de erguer muros e de sementar de minas territorios ocupados! Basta xa de medias tintas no conflito, da venda de armas a Marrocos, de branquear internacionalmente a países colonialistas...! É hora de condenar internacionalmente esta agresión e esixir a celebración do referendo de autodeterminación do pobo saharauí!

Comentarios