Opinión

As loitas do rural por manterse vivo e diverso

NO ARTIGO de hoxe falaremos de dúas loitas do rural ben distintas pero, ao fin e ao cabo, unidas nun mesmo obxectivo. Trátase da batalla liberada hai meses pola plataforma Salvemos O Iribio, da cal forman parte Adega e outros colectivos, para frear a construción do primeiro parque eólico do Courel, o PE Serra do Oribio. Esta loita, que xa comentara nun artigo publicado en setembro de 2019, e que levaba por título Quixotes no Courel, tróuxonos esta semana a ledicia da demoledora sentenza do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza que acaba de anular, por non ser acorde a dereito, o acordo do Consello da Xunta de xuño 2019 que daba o último visto bo para a súa construción. É precisamente esta labazada ao executivo de Núñez Feixóo o motivo polo cal esta nova non está a transcender, como é debido, nos medios de comunicación públicos e privados.

Porén a sentenza pode constituír un piar fundamental para poñer freo á construción desmedida de parques eólicos en todo o territorio. Nos últimos meses vimos como, ocupados os lugares máis altos e propicios para a xeración de enerxía eólica, a Xunta de Galiza vendía o resto do territorio ás compañías enerxéticas: espazos protexidos, como era este, ou incluso na Terra Chá, onde nunca antes pensara ver aeroxeradores. Pero a proliferación de parques eólicos responde á mesma política que a proliferación do eucalipto. Ás grandes empresas enerxéticas ou papeleiras interésalles un rural medio morto para campar ás súas anchas cos seus monocultivos. Un rural que non teña outras expectativas para producir, un rural sen xente que proteste, un rural deprimido economicamente para seducilo coas súas faragullas, un rural en definitiva ao seu servizo que vaia mantendo o territorio, sen máis.

E fronte aos intereses das grandes empresas temos unha administración autonómica que non defende ao rural. Un executivo de Feixóo que está ao servizo das mesmas e que emprega a estas empresas como portas xiratorias para as persoas da súa confianza, unha vez abandonan a política activa (Bea Mato...). Afortunadamente a xustiza, ás veces, dá estas grandes ledicias ao pobo (pasou hai pouco coa histórica sentenza de Meirás da que agora mesmo queren aproveitarse aqueles que puxeron paus nas rodas). Porén a batalla do Oribio aínda non está rematada. O espazo situado entre Samos e Triacastela precisa da reparación dos danos producidos polas obras de construción do parque, volvendo o espazo ao seu estado primitivo. Tampouco podemos tolerar que esta aberración pase sen depuración de responsabilidades na administración autonómica, para que isto non volva ocorrer no futuro.

Outra das loitas que se puxo de manifesto esta semana e que tivo pouca repercusión, dende o meu punto de vista, foi a petición de Anpas Galegas para dotar de transporte escolar todo o alumnado non universitario galego. Na actualidade só o alumnado do ensino obrigatorio ten dereito a transporte escolar, quedando nun limbo con distintas casuísticas o alumnado de bacharelato ou FP que non reside nas áreas urbanas de Galiza.

Teño dito en varias ocasións que o ensino leva décadas botando aos nenos e nenas do rural; para min foi, e segue sendo, un dos factores determinantes do despoboamento galego. A falta de transporte na franxa dos 16 aos 18 anos é tan só un exemplo desta afirmación. Moitas familias teñen que organizarse a diario entre elas para levar e traer os estudantes aos institutos cando non require directamente cambios de residencia.

Moitos deses alumnos e alumnas non volven, buscando unha vida con máis facilidades no entorno urbano. Unha petición xusta a de Anpas Galegas que loita porque o rural galego siga vivo e preparado para evitar que os nosos montes sexan pasto do monocultivo dos eucaliptos e dos aeroxeradores e para evitar que as nosas terras agrarias caian en mans de intereses foráneos (ollo, esa será a seguinte gran loita para a que hai que estar preparados!).

Comentarios