miércoles. 03.06.2020 |
El tiempo
miércoles. 03.06.2020
El tiempo

A importancia dun só voto

Vimos de asistir a unha frenética semana nas Cortes coa investidura, por estreito marxe, do presidente do Goberno. Por vez primeira, acendín a televisión para ver a votación, como se for a quenda de penaltis que dirime unha eliminatoria, por ver se a extorsión da dereita sobre algún/ha deputado/a era capaz de dinamitar a vontade de todo un pobo. Afortunadamente todo ficou sobre o guión e demos paso a unha nova, e complexa, lexislatura onde Galiza se xoga moito, nunha posición privilexiada que había tempo que non tiña.

Teño que recoñecer que fiquei frustrado tralas eleccións do 10-N. O sabor doce de que o BNG tivera representación nas Cortes mesturábase co agre de contar só cun deputado. Pero os caprichos da aritmética parlamentaria fixeron posíbel que ese deputado fose determinante para a investidura da única alternativa fronte ás tres perigosas dereitas, como demostraron nos últimos días. Polo tanto un voto que valeu dobre ao investir un goberno progresista e que garantiu un acordo con dez medidas cruciais para Galiza que comentaremos aquí de xeito moi sucinto.

A axenda galega asinada recolle compromisos concretos en infraestruturas básicas no noso país (a autoestrada AP-9, o ferrocarril...), na transferencia de competencias, na equiparación formal a efectos de recoñecemento da Galiza con Catalunya e Euskal Herria, na defensa do noso castigado idioma, no saneamento das rías, na defensa do emprego e da actividade no sector electrointensivo (Alcoa, Ferroatlántica...), na transición enerxética xusta (As Pontes, Cerceda...), na construción naval, na loita contra a violencia machista, no financiamento dos servizos de dependencia, nas prestacións de xubilación de emigrantes retornados/as, e melloras nos ámbitos laboral, educativo e democrático, entre outros.

Unha axenda que dende o aspecto social atende vellas demandas do nacionalismo galego e que ata o de agora foron ignoradas polos vinte e tres deputados e deputadas galegas nos últimos gobernos de PP e PSOE. De feito o BNG debe redobrar os esforzos en vixiar o cumprimento do pactado porque os que teñen que executalo xa demostraron que tampouco son moito de fiar. Non en van, PSOE e Podemos pactaran para o 2019 uns abortados orzamentos que reducían os investimentos en Galiza nun 19%, cunha raquítica cifra de 757 millóns, a máis baixa en 17 anos.

A importancia do voto de Néstor Rego rascou en Monte Pío, onde puidemos ver un presidente Feixóo moi doído por divisar como os ‘radicais’ do BNG tiraban proveitosos acordos diante da súa inacción con gobernos ‘amigos’ en Madrid, con outro galego á fronte. Un voto favorábel que con  responsabilidade evitou unhas novas eleccións co risco dunha dereita envalentonada que opera na política estatal coa cara descuberta, con claras ameazas á democracia e ás liberdades individuais máis básicas. Deséxolle toda a sorte do mundo a este novo Goberno e esíxolle o cumprimento do acordo que vén de asinar por ser cousas de xustiza para a sociedade galega. Na mesa ten tamén outros moitos asuntos de interese como a aprobación dunha nova lei educativa que rache cos despropósitos da Lomce, a derrogación da ‘lei mordaza’ e da reforma laboral, a revalorización das pensións consonte ao IPC, un novo modelo territorial que dea máis peso ás distintas nacións do Estado e outros moitos asuntos de vital interese para a sociedade e que ata o de agora foron ignorados.

A importancia dun só voto