Opinión

I Mercado de Oficios do Corgo

As feiras galegas foron, de sempre, ese lugar onde intercambiar os pequenos excedentes das minguadas economías familiares, adquirir os bens que non se podían fabricar na propia casa e, por suposto, intercambiar información e relacionarse máis aló da propia veciñanza da parroquia. O cambio de vida nas últimas décadas, coa crise crónica do sector primario, o baleiramento forzado do rural e a globalización como factores determinantes, foron facendo que moitas feiras foran desaparecendo ou transformándose nos eventos que coñecemos hoxe, no que os postos con roupa barata (que marida ben coa moda actual de usar e tirar), algún comestíbel, pouco gando (de habelo) e o polbo son a tónica xeral. Estes eventos cobran unha maior afluencia cando no verán as nosas aldeas se enchen cos que outrora emigraron e os seus descendentes, gustosos deste tipo de celebracións. 

Esta historia non é allea ao concello do Corgo, que no século anterior celebrou feiras en distintas parroquias como Laxosa, Anseán, Abragán... aínda que na actualidade só queda actividade en dúas: Gomeán e Adai. Na primeira só se recuperou a tradición de comer o polbo os 23 de cada mes e a asociación de veciños O Salgueiriño trata de recuperar a actividade con feiras temáticas como as que comentaremos máis adiante. A segunda é a feira corguesa por excelencia, con varios séculos ás súas costas e das de máis tradición de toda a contorna. A feira de Adai é coñecida como a Feira dos Burros pola gran tradición que tivo a comercialización de mulas, burros e cabalos e celébrase todos os 13 de cada mes, sendo exitosas distintas feiras temáticas como o Concurso e a Subhasta Nacional celebrados no mes de xuño (no 2022: XXXV e XCVII edicións, respectivamente) ou a Feira do Cabalo (XXV edición), que se celebra na mesma fin de semana. 

O esmorecemento xeneralizado das feiras tradicionais contrasta co auxe das feiras de artesanía e as mostras e mercados de oficios tradicionais, o que demostra que aínda que o sector agrogandeiro está nun momento moi duro da súa existencia, os galegos e galegas seguimos precisando de puntos de encontro, onde aprender, valorar e mercar produtos feitos polas mans de mestres artesáns, aínda que estes adoiten ter unha periodicidade anual. 

No concello do Corgo a aposta por este tipo de eventos nace no 2004 como unha actividade paralela á Festa Folk no Río Chamoso (nalgún momento coñecida como Romaría no Chamoso). Este evento, que no 2022 celebrou a XVII edición, veuse celebrando (agás algunhas excepcións) entre o último fin de semana de xullo e o primeiro de agosto (como nesta última). A festa naceu a iniciativa de dous activos rapaces corgueses, Marcos Rodríguez Vázquez e Juan J. López Freire, que a organizaron os dous primeiros anos coa colaboración da asociación xultural A Legua Dereita e do Concello do Corgo, que tomou o relevo a partires da terceira edición. Outro fito na promoción dos oficios tradicionais, pero sen comercialización de produtos, veu da man da asociación cultural Arumes do Corgo que dende o 2008 celebrou ata seis Xornadas de Oficios Tradicionais (algunha durou 5 días) levando ao Corgo demostracións en vivo, proxeccións e exposicións didácticas de materiais e ferramentas sobre distintos aspectos da artesanía e dos oficios (tecido, cestería, olaría, ferro, madeira e unha última centrada xa no traballo do liño, foron as temáticas tratadas). 

E no último ano, dous eventos viñeron a sumarse ao calendario festeiro corgués: a Feira de Ano de Gomeán e o Mercado de Oficios do Corgo. O primeiro deles celebrou a segunda edición o 14 de agosto con grande éxito de público e cun programa ateigado de demostracións e actividades para completar a mostra centrada nas razas autóctonas, os oficios artesanais, os produtos locais (excedentes de colleita...) e a gastronomía. O segundo dos eventos poderedes gozalo este domingo 28 na contorna da igrexa parroquial do Corgo. Organizado pola asociación Os Cinco Ríos, esta primeira edición nace con vocación de continuidade e tratará de poñer en valor os oficios tradicionais (facendo fincapé nos artesáns do Corgo), con música en directo (A Legua Dereita, Paco Nogueiras e a Charanga 555), con pregón (agradecido por elixirme) e gastronomía. 

Imitando ao amigo Xurxo Souto: "medren as feiras de artesanía!". Vémonos este domingo no Corgo.

comentarios