Opinión

Un gando que é de responsabilidade comunal

A maior parte do gando actual, sobre todo en explotacións en intensivo, dan exiguas ganancias á comunidade fóra da de asentar poboación do rural. Este tipo de gandaría, nun país tan minifundista e con tantas explotacións carentes de base territorial, fixo que a explotación dos recursos se fixera dun xeito nada sustentábel coa proliferación de químicos para nutrir as terras, de químicos para as malas herbas, de químicos para as pragas, enfermidades... Este tipo de gandaría está nas antípodas da practicada tradicionalmente en Galiza. Aquela, cuxo fin era a supervivencia familiar (neste aspecto, tampouco cambiou tanto), botaba o gando ao exterior, empregaba unhas razas adaptadas, configuraba a paisaxe, axudaba a controlar os incendios forestais e creaba produtos de excelente calidade. Por resumilo dalgún xeito, era unha gandaría sustentábel que non só satisfacía as necesidades dos habitantes daquel momento histórico.

Porén, nestas últimas décadas hai un tipo de gandaría que pouco mudou, fóra de adaptarse a unha serie de agresións externas que amezan con limitar a súa continuidade. Falo do gando miúdo das abellas, a apicultura. Dende a aparición da apicultura moderna, coa creación dos panais e cadros móbiles, aló a finais do século XIX coas achegas de estudosos como Jan Dzierzon, Huber, Langstroth, Dadant, Layens... (estes tres últimos, creadores de colmeas que aínda se empregan hoxe), o mundo das abellas non evolucionou tanto como outros tipos de gandaría. Moitos destes estudosos foron pastores de distintas igrexas, destacando o papel que o crego Benigno Ledo González (Chantada, 1867) tivo na apicultura galega e peninsular (merecedor sen dúbida doutro artigo a parte).

Trátase dun tipo de gandaría de responsabilidade comunal porque os maiores beneficios son para toda a sociedade. Un bo abelleiro ou abelleira cumpre o papel de darlles casa nun lugar apropiado (asegurándose de que teñan auga, alimentación escalonada na contorna, unha correcta orientación e cumprindo as distancias regulamentarias), protexelas fronte ás enfermidades, pragas e inimigos, supervisar a súa multiplicación, entre outras. A cambio, por ese traballo pode obter mel, pole, própole, xelea real, raíñas seleccionadas xeneticamente e moitos outros bens. E digo pode, porque a alta mortandade dos enxames por factores esóxenos pode botar ao traste todas estas ganancias.

Mais desta actividade aproveitámonos todas e todos. O que ten a horta, o que ten as froiteiras, o que ten o xardín, ou os que non teñen nada diso pero gozan dunha natureza diversa e sostíbel. Durante décadas atribuíuselle a Albert Einstein a famosa frase "se as abellas desapareceran do planeta, ao home só lle quedarían catro anos de vida", aínda que non hai ningún rexistro de que Einstein dixera tal frase. O certo é que os insectos son moi importantes na polinización das plantas e dentro destes as abellas teñen un papel crucial, polo que o fomento da apicultura trae consigo un medio máis diverso e rico.

E como os beneficios son de toda a sociedade, todos temos que corresponsabilizarnos co seu coidado de xeito directo: reducindo ou eliminando o uso de químicos nas prácticas agrícolas (sen dúbida o gran mal da apicultura contemporánea) ou trampeando raíñas de Vespa velutina na primavera; ou indirecto: consumindo produtos apícolas locais (dunha extraordinaria calidade, por certo!).

Apostando por unha apicultura responsábel estamos traballando por un futuro máis diverso ambientalmente e máis sustentábel tamén dende un punto de vista económico e social. Esta actividade pode ser explotada en moitas zonas despoboadas de montaña (lugares onde sempre se practicou a apicultura), onde as condicións non poden ser máis favorábeis, pero dando preferencia aos propios habitantes da montaña que poden correr o risco de ver como empresas foráneas se aproveitan, de novo, dos seus recursos.

Comentarios