Opinión

Galiza non precisa universidades privadas

PARECE SER que na vindeira semana dará comezo no Parlamento galego a tramitación do proxecto de lei da Universidade Intercontinental da Empresa, que é a universidade privada que está a impulsar Abanca en Galiza. Mentres o PP ve na súa creación unha boa nova (a norma xa recibiu o visto bo do Goberno galego en marzo) o resto de partidos, BNG e PSdeG, adoptarán unha postura contraria no Parlamento. Ambas formacións veñen a recoller a oposición manifestada xa pola Plataforma Galega en Defensa da Universidade Pública, integrada pola CIG, CC.OO., UGT e distintas organizacións estudantís, así como a dos reitores das tres universidades galegas que afirman que a oferta da universidade privada nin mellorará nin complementará a ofrecida polas tres públicas.

O certo é que o proxecto conta co visto bo do Ministerio de Universidades que dirixe Manuel Castells (ministro proposto por Unidas Podemos dentro da coalición de goberno) e que ten manifestado abertamente que «a política do ministerio é favorábel á creación de universidades privadas». Pola contra hai pouco máis de dous meses que o Consello Económico e Social facía público un informe negativo para o recoñecemento oficial da devandita universidade por unha serie de carencias administrativas e técnicas.

Estou seguro de que o proxecto sairá adiante polo empeño que na Galiza leva poñendo o PP, que conta con sobrada maioría parlamentar e que leva as privatizacións no seu ADN neoliberal. Por outra banda o promotor, Juan Carlos Escotet, é gran amigo de Feixóo e xa lle agasallamos todas e todos os galegos un banco cunha extensa implantación territorial (grande oportunidade perdida para contar cunha banca pública galega!).

Actualmente contamos cun sistema universitario galego ben dotado e que demostrou dar cobertura ás necesidades tanto dos estudantes como da economía galega. Entre as tres universidades son capaces de ofertar 11.000 prazas de novo ingreso cando o alumnado galego que supera anualmente as probas da Abau anda arredor das 10.000 persoas. O que precisa o sistema universitario público non é unha universidade que compita polo seu estudantado, senón o aumento do seu financiamento por parte da Xunta de Galiza para que as tres universidades públicas sigan escalando postos nos distintos ránkings de calidade a nivel estatal e internacional (a USC está entre as 500 mellores institucións universitarias do mundo).

Por outra banda os membros da plataforma rexeitan a implantación das universidades privadas por conducir a un elitismo social que discriminará ao futuro alumnado superior en función da renda. Trátase claramente de comercializar co ensino como se fose unha mercadoría máis, cando esta é unha ferramenta crucial para acadar unha sociedade máis preparada, máis xusta e máis igualitaria.

E pecho o artigo cambiando radicalmente de tema. Non tiña pensado dedicarlle unha soa liña ás eleccións madrileñas pero non podo finalizar sen apuntar dous detalles que nos deixou a noite do martes. O primeiro preocúpame e moito; trátase dunha nova operación de branqueo da ultradereita de Vox por parte do PP. Será a de maior calado que se leve feito no Estado e terá réplicas en futuras eleccións autonómicas, se dan os números (non teñades dúbidas de que o ‘moderado’ de Feixóo faría o mesmo se precisase dos votos de Vox para ser investido). A outra nova é a despedida de Pablo Iglesias. Está claro que non é santo da miña devoción polo dano que leva feito ao nacionalismo galego (coa axuda de ‘colaboradores necesarios’) e por diversas ‘meteduras de pata’ ao longo da súa carreira política pero teño que recoñecer que se vivise en Madrid, Albacete ou Santander seguramente lle tivera votado, aínda que fora por descarte. Vaise con sombras, pero tamén con acertos e non merece os agresivos comentarios que levo visto estes días por parte de persoas pertencentes á clase traballadora a través das redes sociais.

Comentarios