Opinión

Se esta foi a lexislatura do rural, como será a seguinte?

Cando estamos a unha semana da constitución do novo Parlamento de Galiza moitas galegas e galegos preguntámonos cal será o titular que nos ofrecerá o reelecto presidente da Xunta de Galiza para a vindeira lexislatura. A pasada foi a do rural, por moi incrible que nos pareza aos que vivimos neste medio, xa que fóra da propaganda institucional observamos o mesmo desleixo de sempre. Nestes últimos catro anos seguimos vendo como se suprimían médicos ou consultorios na zona rural (Parga, Castro de Rei...), como se reducían mestres e unidades educativas, como se diminuíu de xeito cuantitativo o plan de mellora de camiños, que son fundamentais para articular o territorio e facilitar as actividades agrogandeiras e forestais, por poñer só uns exemplos.

Imaxinádesvos que realmente a Xunta apostara firmemente pola zona rural agora que moitas familias descubriron a súa verdadeira vocación trala pandemia da Covid-19? Servizos para as familias con nenos e nenas, coidados para os maiores, e agora que as aldeas xa todas están conectadas por estrada precisamos que chegue a conectividade do século XXI para que todas as persoas emprendedoras poidan xestionar e comercializar os seus produtos, para que poidamos teletraballar dende as nosas casas, para que a mocidade poida seguir os seus estudos en caso de novos confinamentos ou que poidamos desfrutar dun lecer semellante ao que gozan nas zonas urbanas galegas. Porque un rural habitado, é un medio ambiente coidado, un monte sen lumes e unha Galiza cohesionada e simétrica.

Pero non só hai que fixarse na Xunta de Galiza para ver o pouco que importa o rural ao PP, pois exemplos temos tamén en varias administracións locais gobernadas por eles. Poño só dúas mostras para ilustrar. O primeiro, o caso de Pilar, veciña de O Coto na parroquia de Abeledo (concello de Abadín), con mobilidade reducida e que precisa de cadeira de rodas para desprazarse. Antes do 2013 distintos asfaltados na estrada local que hai fronte a súa casa van aumentándolle o desnivel ata o punto que non pode saír coa cadeira de rodas, incumprindo a Lei de Accesibilidade de Galiza. Para as persoas que non teñen problemas de mobilidade é tan só un chanzo nunha escaleira pero para Pilar significa quedar confinada por anos na súa casa. Calquera alcalde con certa sensibilidade teríao arranxado no momento, mais en Abadín houbo que chegar ao Parlamento e á Valedora do Pobo porque o concello negouse obstinadamente a actuar e a Xunta de Galiza púxose de perfil para non incomodar ao seu barón local. Vaia, o que un xornal de ámbito estatal titulaba acertadamente ‘Bloqueada en casa por obra y gracia del alcalde’.

O segundo caso, por certo moi semellante, sucede nun lugar da parroquia de Castro de Rei do concello de Paradela, denominado Uceira Branca. No 2019 o concello decidiu trasladar o contedor de lixo que quedaba no centro da aldea, e no que levaba tres décadas, a un cruzamento distanciado e cun forte desnivel. Igual que antes, o que a un mozo/a non lle ocasionaría ningún problema para a xente maior de Uceira Branca (a maioritaria), moitos deles axudados con muletas por problemas de mobilidade, é todo un mundo! As respostas da alcaldía, como no caso de Abadín, problemas técnicos pero ninguén se molesta en buscarlles solución, cando a teñen e bastante sinxelas.

Son esas pequenas cousas para a administración, pero grandes para os administrados, as que facilitan moitas veces a vida no medio rural. A maior parte delas teñen doada solución técnica e económica pero pode máis a vinganza política ou o orgullo de manterse firmemente nunha postura, aínda que todos os demais che demostren que estás equivocado. E pecho coa pregunta do título: se para o PP esta foi a lexislatura do rural, como será a seguinte? Aos que vivimos nas aldeas pillarannos cos paraugas abertos por se acaso.

Comentarios