Opinión

Eólica con sentidiño, por favor!

CANDO AÍNDA estabamos celebrando a anulación do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza do acordo para modificar o parque eólico Serra do Oribio, cando a xente do Courel estaba centrada en defender o transporte escolar existente e polo tanto un ensino público de calidade, tamén no rural, unha nova ameaza vén poñer en xaque a unha poboación minguada e cansa pero resistente e con moito orgullo para defender os seus intereses, aló onde faga falla. Se o parque eólico do Oribio ameazaba a Serra do Courel polo noroeste, o futuro ‘Parque eólico de Barjas’ faino en pleno núcleo pero polo sueste.

Trátase dun parque con 22 aeroxeradores (121 MW) con preto de 200 metros de altura que, situados do outro lado da fronteira co Bierzo, son dificilmente ocultábeis e cunha afección directa a toda a serra independentemente da comunidade autónoma que tramite a instalación. Todo un agasallo das nosas administracións á empresa pública do goberno de Noruega, Statkraft, para instalarse nun dos emblemas naturais do noroeste peninsular; nunha serra de incalculábel biodiversidade e dun espectacular valor paisaxístico.

Segundo indican distintos colectivos locais (A Volta Grande do Courel, Courel Livre de Eólicos...), a afección vai máis aló da propia presencia deses monstros en plena liña de tesos (calculan que terá unha influencia sobre 99 parroquias da contorna pertencentes a 10 concellos), que xa todos coñecemos. Na súa construción haberá que facer grandes movementos de terras para abrir largas pistas e terán que levantar 50 km de liñas eléctricas para evacuar a enerxía que alí se xere a través de 10 parroquias.

Unha nova ameaza que non deixará beneficios na poboación local, co beneplácito da sociedade porque é unha enerxía ‘renováble’, cun forte impacto ambiental nunha das nosas xoias ambientais e que irá de agasallo a un país que está a preto de 3.500 km en liña recta. Esixo aos gobernos de España, Junta de Castela e León e Xunta de Galiza que tomen medidas no asunto para impedir tal aberración. E se teñen moito interese neste presente, que sitúen o parque eólico no cume da Serra do Guadarrama para que tanto dende Castela como dende a capital do ‘Imperio’ os poidan gozar cando abran as fiestras polas mañás (pura brincadeira, que os da Serra do Guadarrama tampouco teñen culpa!).

Está claro que hai que apostar pola enerxía renovábel pero moitas das actuacións eólicas emprendidas nos dez últimos anos están totalmente fóra de control. É preciso desenvolver unha transición enerxética ordenada, ecolóxica e xusta. Un cambio que democratice os beneficios das instalacións e non reproduza o modelo colonial que arrastramos da construción dos grandes encoros e das macrocentrais térmicas de carbón. Uns parques máis afastados dos núcleos de poboación e das zonas con potencial natural e patrimonial. Unha aposta pola explotación pública dos recursos, que exclúa empresas de dubidosa reputación e que inclúa a expropiación como última opción. É dicir, un cambio que nos leve a un modelo radicalmente oposto ao actual da Xunta de Galiza.

E mentres loitamos nas terras lucenses contra o Parque de Barxas, os nosos veciños das comarcas de Valdeorras, Trives e Viana estanse organizando para impedir a construción doutro parque eólico na montaña máis alta de Galiza: os montes de Trevinca. Trátase dun conxunto formado por 31 torres que rozan o ceo nas proximidades da cimeira de Pena Trevinca, a 2.127 metros de altitude. Non é o primeiro intento xa que levan loitando dende 2001 para impedir a instalación dos aeroxeradores, pero tampouco é o segundo, nin o terceiro. Nos outros impúxose a razón e a xustiza, agardo que con este cuarto intento decaian definitivamente.

Comentarios