martes. 26.05.2020 |
El tiempo
martes. 26.05.2020
El tiempo

Educación en tempos de crise

Hoxe toca falar de educación. Vouno facer dende dúas perspectivas diferentes, como profesor de secundaria e como pai de dous fillos que son alumnos de primaria (todo elo no ensino público). En primeiro lugar teño que criticar a xestión da pandemia por parte da Consellaría de Educación dende o minuto cero. O que pasou na mañá do xoves, día 12 de marzo, raiou o esperpento. Antes da rolda de prensa do presidente da Xunta de Galicia, un medio de comunicación escrito filtraba a nova de que se suspendían as clases na Galiza (de xeito opcional o día seguinte e obrigatoriamente a partires do luns). Despois da rolda de prensa silencio total na páxina da Consellaría de Educación. Sabían máis os medios que o profesorado! Ata a tarde-noite os equipos directivos dos centros galegos non tiveron unha sucinta comunicación do que estaba pasando, que non aclaraba nada do que xa os medios tiñan publicado e que xeraba numerosas dúbidas na comunidade educativa.

Despois dese esperpento, os docentes aínda tivemos que escoitar como o socialista Emiliano García-Page, presidente de Castilla-La Mancha, criticaba os peches coas duras palabras de "quieren 15 días de vacaciones". Con esas informacións, e o medo no corpo do que se nos viña enriba, a comunidade educativa deitouse agardando que o venres se foran aclarando as cousas. Moitas familias enviaron aos nenos/as a clase porque non houbera tempo de artellar un plan B distinto ao de xuntar nenos con avós (principal obxectivo do covid-19). E a partires de aquí a pouca información que emanaba da Consellaría de Educación (dende aquela seguimos tendo máis información a través dos medios que das canles oficiais) foi cambiando e contradicíndose co paso do tempo. Que se o profesorado tiña que ir aos centros, que se tiña que ir só o equipo directivo, que con un chegaba, nun horario prefixado ou só cando fixera falla.

Se a información que tiveron os/as directores/as foi escasa, a que nos trasladou directamente a consellaría ao profesorado (a través do correo electrónico oficial, por exemplo) foi nula nunha crise que non ten precedentes na historia da educación. E deste xeito o profesorado, empregando os seus recursos informáticos e as súas conexións a internet, mal que ben foi poñendo o seu empeño en facer as cousas o mellor posíbel. Eu por exemplo, para ter internet na miña casa, unha aldea das moitas que ten o noso rural, teño que poñer o meu móbil nunha ventá (ben orientada) e compartir os datos co meu portátil, cruzando os dedos para que cando estou publicando algo non se me vaia a mínima cobertura e teña que volver a comezar. Esa é a realidade dun pais eminentemente rural. E se eu como profesor teño problemas para conectarme, non quero pensar nos miles de problemas que terá o alumnado das aldeas galegas (a miña, a fin de contas, está nunha chaira sen dificultades orográficas).

Se as directrices nestas semanas de confinamento (ata a Semana Santa) foron non adiantar materia (agás en 2º de Bacharelato por mor da Abau) e por suposto non avaliar ese traballo, semella que a intención da Consellaría é que a cousa cambie no terceiro trimestre. Para iso dende a Xunta mercaron a escalofriante cifra de 1.000 ordenadores con conexión a internet (perdoade que me ría!) co fin de evitar a fenda dixital mencionada. E como se fai para evitar a fenda social?

Gustaríame saber que está pasando nas vivendas de familias monoparentais, nas que teñen que traballar un, ou os dous pais, nas familias nas que non saiban manexar as distintas plataformas de teleformación, ou nas que non teñan formación académica para botarlles unha man aos fillos/as. E con estas dúbidas, prégolle á Consellaría de Educación sentidiño e máis comunicación. Que non permita avanzar nos temarios mentres dure o confinamento co fin de non incrementar as diferenzas entre o alumnado e que trate de reforzar a aqueles que teñen problemas de aprendizaxe. A fin de contas, que supoñen dous ou tres meses nunha carreira tan longa de aprendizaxe? Se desta crise non saímos todas e todos, será todo un fracaso como sociedade!

Educación en tempos de crise
comentarios