Opinión

Días de entroido no Val de Francos

Como ven sendo habitual nos últimos vinte anos, este martes de entroido achegueime ata o Val de Francos para gozar da celebración máis festeira e desenfadada do ano. Neste xornal xa teño falado sobre os entroidos históricos na provincia de Lugo, onde destacan sobre todo o entroido Ribeirao, celebrado de xeito atávico en varias parroquias do concello de Chantada (San Pedro de Líncora, Camporramiro, Santiago de Arriba, A Sariña, Nogueira e Vilaúxe), e o Oso de Salcedo na parroquia homónima da Pobra de Brollón. O primeiro, mofa de cando o señor feudal viña a cobrar os impostos acompañado dos seus gardiáns, é longo no tempo e vistoso nos disfraces con personaxes como os volantes, o peliqueiro ou os mecos. Hoxe en día son os veciños de Santiago de Arriba os que manteñen este histórico entroido lucense. O outro dos entroidos citados sitúase na parroquia de Salcedo, onde todos os luns de entroido o oso sae do seu letargo invernal para dar por encetado o ciclo agrícola anual, propiciatorio da abundancia nas colleitas. Na compaña dos seus criados trata de enzoufar aos ousados visitantes coas súas mans cheas de feluxe, nunha festa que ano tras ano ten máis tirón entre os galegos e galegas.

O entroido do Val de Francos, sen ser tan antigo, ten datado algún sermón do ano 1902. Este val aberto, suave e sen un gran río que lle dea nome está formado polas parroquias de Viladonga, Ansemar, Goberno e Balmonte do concello chairego de Castro de Rei. Son estas tres últimas as que se xuntaron hai preto de trinta anos para recuperar un entroido que tivera gran arraigamento, sobre todo na parroquia de Ansemar. Ano tras ano a veciñanza da zona xúntase no céntrico Campo do Carril para facer un satírico repaso dos acontecementos anuais da contorna entre música de todo tipo (onde nunca falta o grupo local dos Valuros) e orixinais carautas.

Cando xa o entroido esmorecera na zona, unha comisión formada por José Luis García Cupeiro de Goberno, Juan Carlos Rodríguez Folgueira de Balmonte e Juan José Pita Iravedra de Ansemar, coa axuda de Xosé Manuel Carballo (crego de Goberno e Balmonte, entre outras) decidiron rescatalo da memoria con folgos engadidos aló polo ano 1992. Un ano máis tarde publicaríase o libro ‘Máis de media ducia de escritores chairegos e o antroido’, editado pola asociación cultural Val de Francos e coordinado por Xosé Manuel Carballo. A portada e as ilustracións foron obra de Xosé Vizoso e nel recóllense fotografías e sermóns antigos ademais de colaboracións de Trapero Pardo, Chao Rego, Margarita Ledo, Xulio Xiz, Marica Campo, Darío Xohán Cabana, Bernardo García Cendán, Manuel María e o mesmo coordinador da obra. 

O entroido do Val de Francos destacou sempre por estar moi ligado ao teatro. O rei da festa son os sermóns retranqueiros elaborados hoxe por José Luis García Cupeiro e pola súa dona Ana Canto, os verdadeiros mantedores da festa coa axuda de outros veciños da contorna. Outrora os sermóns eran elaborados por Edelmiro (pai de José Luis) coa axuda de outras persoas como Salvador ou Xosé Manuel e ían acompañados de xuízos e sentenzas antes de queimar o meco, culpábel de todos os males acontecidos no último ano.

Afortunadamente o entroido do Val de Francos segue hoxe vivo e con moito pulo, representación de como o rural galego loita por manter vivas as súas tradicións, e de como a única maneira de sobrevivir ao despoboamento é esquecer vellas rivalidades localistas xuntando forzas entre varias parroquias. Non obstante libros como o mencionado ou artigos de investigadores como José Manuel Blanco ou Carme Pernas manterano documentado para sempre. Remato cun anaco dun sermón dos anos cincuenta relativo a Ansemar:

«Esta parroquia, xa vemos, / de fortunas anda mal, / que sempre fixo unha boa festa / e máis un bo carnaval».

Comentarios