Opinión

Desgoberno e inconsciencia social

VIMOS NOS medios de comunicación que a situación en Galiza semellaba estabilizarse despois de sucederse datos contraditorios nas portadas da última semana e de ver como un día a cousa melloraba un pouco e como no seguinte empeoraba algo. O señor Feijóo cabreouse moito cando Ana Pontón o acusou de intentar maquillar as cifras de afectados tras ordenar reducir o número de PCR previo ao pleno monográfico celebrado o mércores no Parlamento Galego. Eu non sei se foi por ese motivo ou hai algún outro pero estou totalmente de acordo coa voceira do BNG en que o sistema freou a realización de PCR e o seguimento por parte dos rastrexadores. Se cadra é simplemente que o sistema está desbordado, cousa que aínda me preocupa máis que as mentiras da Xunta porque esta segunda onda só acaba de comezar.

Para ilustrar o que digo comentarei unha serie de circunstancias que nos aconteceron a nivel familiar durante esta fin de semana. O venres á noite comunícannos dende a dirección do colexio público onde estudan os meus fillos (que mal remunerados están os cargos directivos no ensino!) que estiveran en contacto cun positivo por sentarse a menos de 2 metros no autobús escolar e que seriamos chamados polos rastrexadores da Xunta. Mentres tanto tocaba, con bo criterio, autoconfinarse para non contaxiar a ninguén así como tomar medidas de precaución dentro do fogar. Pasaron dous días e o domingo á tarde como non chamara ninguén da Xunta confirmei co centro educativo que seguían confinados por precaución ata que non houbese comunicación oficial. A todo isto, ter aos nenos na casa polas mañás tendo en conta que coa covid-19 o colchón dos avós non é posíbel, supón facer unha serie de equilibrismos laborais que só as familias sabemos. Porque co novo protocolo escolar da covid-19 os conviventes de casos sospeitosos teñen que acudir aos centros, ben a traballar, ben a estudar e seguir contaxiando. O esperpento remata o luns pola tarde contactando de novo co centro educativo porque ningún rastrexador nos chamara. A contestación foi clara, dende o sistema de seguimento ordenaran quitar a todos os nenos/as do autobús (e a moitos outros compañeiros/ as do alumno positivo) da listaxe a vixiar polo que tiñan que volver ao colexio ao día seguinte.

Por outra banda, o xoves á noite da semana pasada avisan á miña dona de que estivera en contacto cun positivo no lugar de traballo, que tiña que ir traballar e que a chamarían para facer a PCR. A partires de aí entra o azar en xogo e co resto de compañeiros comeza unha sorte aleatoria de medidas totalmente ilóxicas e variadas. Sen importar a distancia de traballo con respecto ao positivo, uns seguen a traballar sen máis, outros confinados con PCR e outros seguen a traballar facendo PCR. O sábado fai a devandita proba e a día de hoxe segue sen ter comunicación oficial do resultado.

Non é que o azar se cebase coa nosa familia, é que na última semana o número de afectados coñecidos se multiplicou exponencialmente e iso non se corresponde cos datos oficiais. Sinceramente sinto que nos menten (como fixeron co número de rastrexadores que finalmente descubrimos que eran 700) para maquillar unha realidade totalmente insostíbel. Concordo totalmente cos investigadores das universidades galegas en pedir un confinamento total de Europa durante 15 días como única solución diante do que se nos ven enriba!

A todo isto quéixome da xestión da covid-19 por parte da administración Feixóo pero teño que facer unha feroz autocrítica como sociedade. Co noso comportamento a veces reflexiono se non estaremos abocados á extinción a curto prazo. Énchesenos a boca para demonizar aos mozos e mozas, facendo especial fincapé no sector dos universitarios, e non vemos a viga no noso ollo. Reflexionemos sobre o uso que facemos da máscara, da ventilación nos nosos encontros sociais ou sobre como tratamos de sortear os escasos controis policiais dos concellos confinados. Moita xente segue sendo remisa a usar máscara con aquelas persoas non conviventes máis próximas: o compañeiro/a de traballo de toda a vida, o/a mellor amigo/a, o irmán/ a ou os pais/nais. Non son só as persoas novas as que non teñen tino, moitas delas dannos leccións aos chamados adultos sobre como temos que comportarnos.

Comentarios