Opinión

Curso 2020/21, ou improvisa como poidas!

NON TIVEMOS que agardar moito tempo dende as eleccións autonómicas para coñecer o futuro da educación galega no vindeiro curso. Era precisamente esa falta de actuación previa aos comicios a que nos facía presaxiar que nada bo se estaba cocendo e que o obxectivo final era o de non enlodar a cuarta maioría absoluta do señor Feixóo (pasou tamén en sanidade cos distintos recortes executados durante a semana pasada).

Por fin, o xoves 16, celebrábase a mesa sectorial na que a Consellaría de Educación presentaba o Protocolo da Covid-19 para o curso 2020-2021. Con nocturnidade e aleivosía (só lles deron 48 horas aos sindicatos para estudar o protocolo e presentar achegas) a Consellaría presentaba un documento para afrontar o vindeiro curso dun xeito moi semellante a como rematamos este, é dicir, lanzando balóns fóra en canto a responsabilidade se refire, improvisando e, o máis importante, sen gastar un euro máis do que é normal para calquera curso académico. Este foi o detonante para que todas as forzas sindicais, por unanimidade, se ergueran da mesa sectorial esixindo a retirada do protocolo, tal e como despois fixeron Anpas, asociacións estudantís e o resto dos sectores afectados no proceso de ensino-aprendizaxe.

O protocolo presentado a semana pasada pon en risco sanitario a toda a comunidade educativa en conxunto e volve a deitar nas equipas directivas e no profesorado a responsabilidade que lle corresponde á administración educativa. Como foi deseñado para ter custe cero, reduciuse a distancia interpersoal a tan só un metro, separación que aínda poderá ser minguada co uso da máscara facial, e terase que gardar estritamente dende a primeira ata a última sesión coma se o alumnado fose un exército disciplinado e autómata. Distancia que haberá que gardar nas aulas de infantil, nas prácticas de laboratorio, nas aulas de música, nos talleres de FP e que pon en risco os servizos complementarios xa que a Consellería pode reducir o número de prazas en comedores e transporte escolar para garantir a separación e as posíbeis alteracións dos horarios dos centros, co fin último impedir un gasto maior ao habitual.

En que pretende investir a Consellrría os fondos que o Ministerio vai repartir entre as CC AA para sufragar os gastos para facer fronte á pandemia no ámbito educativo? O protocolo presentado deixa claro que non pensa ampliar o profesorado para reducir as ratios inventando a entelequia dos grupos estábeis, ou burbullas, e ignorando todo o contacto físico que se producirá fóra das aulas. Chama a atención que a Xunta obrigase a unha ratio de 10 nenos/as por monitor nos campamentos de verán, cando estes se levan a cabo fundamentalmente ao aire libre, mentres que en setembro xa poden estar 25 alumnos/as nunha aula pechada. É evidente que as varas de medir son diferentes cando estas lle van ao peto.

A todo isto, a Consellaría non está a ter en conta novos confinamentos para o vindeiro curso e polo tanto seguiremos a ter os mesmos problemas de equipamento informático, de conectividade e de formación que tivemos nestes meses pasados, esquecendo toda aprendizaxe adquirida ata o de agora. Tampouco haberá reforzos para aquelas nenas e nenos con necesidades educativas e que xa foron os grandes afectados no anterior confinamento. Por resumir, non haberá incremento orzamentario para os centros, que terán que asumir novos custos de adaptación ou de adquisición de material de protección e hixiene, o galego volverá a quedar confinado de volver a teledocencia, os currículos seguirán a ser inconmensurábeis, a xestión dos brotes será toda unha improvisación... por poñer só uns exemplos do negro que se presenta o vindeiro curso académico.

Comentarios