Opinión

Cultura en tempos de crise

Ao longo desta crise vimos como uns sectores económicos eran considerados prioritarios e como outros non o eran tanto e polo tanto tiveron que permanecer pechados (e moitos deles abocados a unha crise da que non todos sairán). Dentro dos sectores considerados non esenciais está o da cultura, que salvo excepcións nunca viviu tempos economicamente extraordinarios. Efectivamente as restricións de mobilidade e reunión por mor da pandemia fixeron que o consumo de cultura en directo estivese prohibido pero imaxinádesvos pasar este longo confinamento sen este importante sector económico?

Grazas ao traballo anterior de miles e miles de traballadores/as do campo cultural, hoxe temos acceso a unha colección extraordinaria de películas que nos axudan a matar as horas na casa, a concertos musicais extraordinarios, a obras de teatro que nos evaden, a actuacións de maxia que rachan as diferenzas entre o real e o imaxinario, contacontos que nos fan viaxar á infancia, libros electrónicos que nos trasladan dende o sofá a lugares distantes, e un longo etc. Visto dende esta perspectiva o de chamarlle «sector non esencial» á cultura xa non semella tan obvio.

Pois como moitos/as traballadores/as de outros campos este sector está sufrindo unha serie de cancelacións de traballos que moitas veces serán irreversíbeis e que deixan sen ingresos a moitísimas familias. É fundamental que o goberno deseñe unha liña de axudas específica co fin de superar esta precaria situación na que se atopan moitos e moitas creadoras e artistas (suspensión de cotas a autónomos e socios de cooperativas, liñas de axuda para compensación de gastos ocasionados polas anulacións, equiparación do Ive do sector cultural ao de educación e formación,...).

Pero falando de cultura, hai moitas institucións, artistas e afeccionados que seguen a organizar eventos para axudarnos a pasar estas longas horas de confinamento. Dende artistas que deleitan á veciñanza con actuacións en directo dente terrazas e balcóns ou a través das redes sociais, ata institucións privadas e públicas que adaptaron as programacións culturais ás circunstancias ou que fomentan a creatividade entre os confinados facéndoos partícipes do proceso creativo e non simples consumidores.

O profesorado está invertendo horas e horas en adaptarse a esta nova situación e tratar de desenvolver o seu traballo

Refírome, por exemplo, ao certame ‘Historias detrás das ventás’, que promove este mesmo xornal coa Área de Cultura da Deputación e no que se insta á creación de relato e poesía en galego (temática libre) co fin de reforzar a presenza da lingua e da identidade galega nos medios de comunicación xa que unha escolma dos traballos presentados serán publicados nas edicións en papel e dixital de El Progreso. Ou o certame que onte, día do libro, sacaba o IES Pedregal de Irimia baixo a temática «Cando este pesadelo remate...» e que convida a toda a comunidade educativa (futura, presente e pasada) do instituto a facer unha reflexión en positivo do que como sociedade debemos aprender desta situación de crise sen precedentes.

Dende logo, os centros educativos estanse convertendo en todo un referente cultural nesta época. O profesorado está invertendo horas e horas en adaptarse a esta nova situación e tratar de desenvolver o seu traballo como pode, cunhas vagas instrucións (que non valen para nada) por parte da Consellaría competente. A maiores, e dende as redes sociais, están xurdindo centos de iniciativas, literarias, musicais, deportivas, artísticas... cheas de retos para desenvolver dende as casas para que o alumnado siga vencellado cos seus compañeiros/as e co resto de membros da comunidade educativa.

Comentarios