Opinión

Un Cabreiros literario

MAÑÁ DÁSE inicio á décimo oitava edición das Xornadas Interxeracionais Rurais de Cabreiros. O evento levarase a cabo durante os sábados 28 de maio e o 4 e 11 de xuño en xornadas de mañá e tarde cunha estrutura semellante á de edicións anteriores. Na xornada de mañá será protagonista o premio Xermade na Historia (coa presentación dos traballos da oitava edición e a convocatoria da novena) mentres que na tardiña haberá unha mesa de debate sobre as necesidades de autosuficiencia do agro. No resto das xornadas tratarase o tema das vivendas alternativas e colaborativas, falarase de experiencias emprendedoras no rural e de saúde, e haberá tempo de lecer con obradoiros interesantes e espectáculos musicais.

E falando de actividades interxeracionais, se hai un libro que recolle ese espírito por excelencia ese é O pau de ferro, escrito por Xosé Manuel Felpeto Carballeira, presidente da Asociación de Veciños de Cabreiros e un dos piares fundamentais que aguanta das Xornadas dende a primeira edición. Xosé Manuel é un home activo a nivel social e cultural, de imprescindíbel clonación para poder ter unha copia en cada unha das preto de 3.800 parroquias que ten Galiza.

O libro, agasallo do propio autor, recibino despois da semana santa nas VII Xornadas de Innovación Educativa Rural celebradas na facultade de Ciencias de Educación compostelá. Nas mesmas, coordinadas polo tamén xermadés Xesús Rodríguez, foi protagonista a veciñanza de Cabreiros xa que se presentou o libro: Cabreiros, 15 anos de dinamización comunitaria. Olladas e recursos interxeracionais no rural (do que xa temos falado nesta columna hai tres meses), así como o documental: O Empalme. Unha historia rural colectiva, que fai un percorrido pola historia dun dos barrios da parroquia de Cabreiros e onde os seus protagonistas nos contan como eran as súas vidas (os traballos, os momentos de lecer...) nun traballo claramente intimista.

Volvendo ao pau de ferro de Felpeto, está ambientado a mediados do século XX, nunha ficticia parroquia denominada Goiás, que ben podería ser Cabreiros, polas descricións, ou a parroquia do lector ou lectora en cuestión. Goiás existe como unha parroquia do concello de Lalín, é grande e dinámica, ten unha igrexa románica impoñente e contou incluso cunha banda de música. Este último aspecto tende unha ponte co Cabreiros xermadés, onde a música estivo presente dende sempre e que tivo o seu momento de homenaxe nas III Xornadas Interxaracionais con Xurxo Souto como mestre de cerimonias.

O pau de ferro é a primeira novela de Felpeto e agardo que non sexa a última. Durante 18 capítulos a novela narra a vida de Brais, que coma tantos outros foi criado pola súa avoa. Un libro cun vocabulario moi rico e moi dinámico á hora de ler, que ben debera ser texto obrigatorio de lectura en moitas facultades. Un volume que nos leva á infancia liberadora das aldeas, casas nas que conviviamos entre tres e catro xeracións distintas que nos enriqueceron como persoas. Avós que eran como os nosos segundos pais no plano educacional, aínda que sempre nos consentían e mimaban algo máis. Un libro que representa a resiliencia (coma a dun pau de ferro) de todo un pobo diante das adversidades do pasado.

Por se gozar do ámbito literario do libro fose pouco, este trae consigo debuxos do artista Leandro Lamas (na portada e no interior). Coas cores rechamantes, froito dun estilo moi persoal, Leandro ilustra, pinta e a maiores é actor e director teatral (coma o autor do libro), sendo un dos artistas con máis proxección no panorama galego. Non perdades de ler o libro e de agasallalo aos vosos pais e nais.

Comentarios