Opinión

Baamonde: o último ataque ao rural lucense

DESPOIS DESTE parón na crónica semanal (os dous venres anteriores non houbo xornal por festivo) toca reflexionar sobre o que pasou ao longo destas vacacións. Aínda que pasaron moitas cousas vou centrarme (por profesión e vocación) no anuncio feito polo alcalde de Begonte, despois da ponte de decembro, sobre o inicio dos trámites para solicitar formalmente á Consellaría de Educación a fusión dos CEIP de Baamonde e o Virxe do Corpiño de Begonte co fin de empregar as instalacións do primeiro como conservatorio profesional de música. Teño que admitir que é a primeira vez que dende un concello piden o peche dun centro educativo da súa localidade e teño visto moitos peches ao longo destas dúas últimas décadas (por exemplo, dous CEIP en Cervantes mentres traballaba alí).

Paréceme moi ben querer dotar dunhas boas instalacións á asociación Músico Crisanto que conta cunha nómina de profesores excelente, un magnífico director e leva traballando moitos anos, e moi ben por certo, en prol da música e da cultura galega, sendo un dos seus froitos máis destacábeis a Banda de Música de Rábade, Begonte e Outeiro de Rei. Pero a maiores de non ser Baamonde a localización máis céntrica para unha asociación que traballa nestes tres concellos, esta non pode ser a escusa para pechar un colexio do rural.

Hai pouco menos dun ano viamos con ledicia a reapertura do colexio de Negueira de Muñiz. Este centro pechara no 2012 por falta de alumnos, pero logo de sete anos de clausura volveu abrir con cinco alumnos/as matriculados. Certo é que a orografía da montaña non ten nada que ver coa da Chaira pero propoñer o peche dun centro que ten arredor de 30 nenos e nenas matriculados é adiantarse un mundo aos acontecementos que lle poden deparar nun futuro, non só a Baamonde, senón ao resto das parroquias da contorna. Pechar o centro educativo sería un gran pau a unha vila que aínda trata de recuperarse do desvío de tráfico pola A-6 e da perda de poboación do rural do interior de Galiza.

A oposición veciñal non tardou en chegar capitaneada pola súa Anpa e á que lle seguen o equipo de profesores e PAS, o tecido asociativo e produtivo da zona (Baamonde, Pacios, Carballido, Vilariño, Bóveda, Pígara ou Soexo), Fapacel, Deputación de Lugo, etc. con protestas e caceroladas ao longo destas tres semanas. As nais e pais afectados protestan diante da continua mudanza nas respostas que a delegación territorial de Lugo lles está a ofrecer, polos argumentos aducidos antes e sobre todo, e máis importantes, polos educativos.

Dende a Anpa están moi contentos co funcionamento do centro educativo que conta con ratios de alumnado-profesorado adecuadas para dar unha atención individualizada aos nenos e nenas (un argumento de peso diante dunha pandemia como a que estamos a vivir e que atopa problemas de multiplicación do contaxio con aulas grandes e pouco saturadas). Un centro que organiza múltiples actividades complementarias e extraescolares e que trata de combater o envellecemento e o despoboamento da zona.

Prégolle ao equipo de goberno do concello de Begonte, diante deste inaudito anuncio, que admita o erro, que dea marcha atrás e que non lle faga o traballo escuro aos seus colegas políticos da Consellaría de Educación. Un alcalde ten que defender, diante de todo, os intereses de toda a veciñanza (non só os da capital). Porque o rural ten futuro e esta pandemia estanos a demostrar que si (véxase o incremento de poboación nos censos dos concellos do rural nos últimos meses). Porque son compatíbeis os dous centros de ensino e porque estou seguro de que a magnífica escola de música pode ter unhas instalacións mellores e máis céntricas.

Comentarios