Opinión

O arranxo parroquial de 1890 no Corgo

Os 157,3 quilómetros cadrados do concello do Corgo están organizados en 38 parroquias ‘civís’. O extraordinario número de parroquias para a superficie en cuestión, xunto cunha poboación total de 3422 habitantes (2020) é indicativo de que a extensión e poboación das mesmas sexa media-baixa en comparanza con outros territorios. A parroquia máis poboada segue sendo a de Laxosa pola súa proximidade a Lugo e a herdanza dunha estación (pechada na actualidade) que tivo unha enorme actividade económica no século pasado. Pola outra banda temos parroquias pequenas como Santa María de Manán ou San Bartolomeu de Chamoso, con 23 e 20 (datos de 2020) habitantes respectivamente, que pechan a cancela da poboación parroquial.

Cando mencionaba inicialmente que O Corgo tiña 38 parroquias civís estaba mesturando dous termos, en principio, contrapostos. Hoxe e despois de distintos arranxos parroquiais na diocese de Lugo contamos só con 33 parroquias, estando as 5 restantes suprimidas a nivel eclesiástico. Non contan con actividade relixiosa regular dende 1890 as parroquias de Camposo, Castrillón e Santo Estevo de Folgosa, sendo eliminadas con anterioridade as de Abragán e San Bartolomeu de Chamoso.

Volvendo ao rego, Gregorio Aguirre fixo entrada en Lugo como bispo o dous de xullo de 1885 comezando ao mes seguinte unha intensa visita pastoral polas parroquias, que remataría en anos posteriores, seguramente co arranxo parroquial na súa cabeza (previsto no artigo 24 do Concordato coa finalidade de reducir o número de parroquias para que o Goberno do Estado diminuíra os gastos de remuneración dos servizos eclesiásticos a costa do erario público). O 14 de outubro levaba 288 igrexas visitadas, continuando en anos posteriores e dando por rematada a visita pastoral o 22 de xullo de 1889. Uns meses despois sométese a consideración do cabido o arranxo parroquial que deixaría á diocese de Lugo con 1083 pías bautismais (tendo antes 1108) repartidas polas provincias de León, A Coruña, Pontevedra, Ourense e Lugo.

Ese arranxo parroquial que eliminou igrexas (tamén creou algunhas) atopouse con protestas de párrocos e escritos con expresións duras e recriminatorias mais a empresa seguiu adiante e dende aquela ninguén se atreve a meter man a outra reorganización interna de tal calado pese á enorme diminución de cregos das últimas décadas. Gregorio Aguirre tería un papel crucial na construción do novo seminario e remataría sendo arcebispo de Burgos e finalmente de Toledo.

No caso de Camposo hai xa décadas que non se rexistran actividades conxuntas (festa...) facendo vida o lugar de Laxes coa parroquia de Maceda. O caso de Castrillón é distinto xa que aínda que eclesiasticamente estea repartida en dúas parroquias (Franqueán e Gomeán) seguen tendo unha identidade parroquial clara celebrando a festa do San Bernabé e esporadicamente a do San Salvador. Finalmente a parroquia de Santo Estevo de Folgosa fai vida eclesiastica e social coa súa contigua, e homónima, de San Martiño de Folgosa. Así que o último arranxo parroquial, trece décadas despois, non foi capaz de eliminar de todo a identidade grupal das antigas parroquias, algo que si vai desdebuxando alarmantemente o despoboamento do rural galego.

Comentarios