Opinión

Ao César o que é do César

Todos sabemos o difícil que é no rural ter actualizada a información da titularidade de fincas, sobre todo debido ao minifundismo e ao pouco valor de moitas delas. No catastro segue habendo moitas a nome de ninguén, ou a nome de persoas que, mortas, nin sequera son da familia. Centos de casuísticas que fan que esa información se atope desactualizada e que tamén por ese motivo se free a venda ou cambio de predios naqueles sitios onde non se agarda por unha próxima concentración parcelaria (fabas ben contadas). Nin falemos do rexistro da propiedade, no que é difícil atopar inmatriculados predios rústicos ou incluso moitas das vivendas habitadas. O proceso é custoso pero a maiores complexo a nivel administrativo.

Porén, non todos somos, ou fomos, iguais ante a administración á hora de inmatricular bens. José María Aznar promoveu unha lei hipotecaria na que quixo devolverlle á Igrexa ‘os feos’ que outros gobernos lle fixeran con distintas desamortizacións ao longo da historia. Coa devandita lei, a Igrexa puido rexistrar ao seu nome todo tipo de propiedades sen ter que demostrar a súa pertenza con ningún tipo de probas. A súa palabra converteuse no máis válido dos documentos probatorios para testemuñar unha propiedade que viña de vello xa que cunha certificación eclesiástica abondaba. Probe vostede, persoa ou entidade xurídica, a facer o mesmo no Catastro ou no Rexistro da Propiedade, a ver o que lle din!

Con este amparo lexislativo promulgado polo PP (pero co beneplácito dos posteriores gobernos, todo hai que dicilo) a Igrexa española rexistrou preto de 35.000 propiedades en todo o estado, das cales a quinta parte (7000) corresponden ao territorio galego. Foron sonados casos como o da Mezquita de Córdoba ou a Xiralda de Sevilla (que dende a súa inmatriculación no 2010 leva xerado arredor de 9 millóns de euros ao ano en visitas, exentos de impostos) e moitos outros bens que foran incorporados ao Tesouro Artístico Nacional baixo o goberno republicano de Niceto Alcalá Zamora.

Casos que chaman a atención e que foron eclipsando outros de menor escala como pequenas edificacións que foran realizadas en baldíos e construídas pola veciñanza para que vivira o párroco (non vos lembra algo ao que pasou co Pazo de Meirás e os Franco?), predios que foran adquiridos entre os veciños e veciñas ou nos que as propias administracións públicas foran obrando como se eses bens foran propiedade de todos e de todas. Lugares nos que non se celebra culto relixioso como campos da festa ou pisos e dos cales, nin custou nada a inmatriculación, nin se paga o IBI.

É hora de que as administracións públicas locais investiguen a verdadeira titularidade dos devanditos bens. Se son públicos, que os reclame, e se son privados, que asesoren á súa veciñanza para facer a reclamación oportuna, porque é obriga das administracións públicas defender os intereses dos seus administrados. Na provincia de Lugo, con máis de 1000 bens inscritos pola Igrexa entre o 1998 e o 2015, o BNG de Outeiro de Rei foi o primeiro en levar a cabo a batalla. Reclamaban 46 bens e a moción foi aprobada por unanimidade. Para executala crearase unha comisión para valorar cada un dos bens mais a oposición semella estar vetada na mesma; a saber con que escuros intereses! Isto tamén me lembra outros moitos procesos como a reivindicación do Pazo de Meirás ou da transferencia e baixada de peaxes na AP-9 nos que o BNG levou a iniciativa e librou a batalla política pero despois ata os máis reacios quixeron colgarse a medalla.

Detrás de Outeiro de Rei virán outros moitos concellos (o BNG do Corgo rexistrou esta semana un rogo co fin de comprobar os 22 bens inscritos no seu termo municipal), porque a Igrexa, igual que o resto ten que probar a titularidade dos bens que rexistra. Ao César o que é do César!

Comentarios