Opinión

Animado día da Patria Galega

ATA QUE vin vivir para Santiago de Mondriz, eu era un dos asiduos asistentes ás manifestacións do día da Patria Galega en Santiago de Compostela (hoxe opto por celebralo coa veciñanza e a familia cunha bandeira estrelada na xanela da casa). O 25 de xullo deste ano volveu a ser, con todas as medidas de seguridade (máscaras e distancias), a festa reivindicativa do nacionalismo galego, que despois de varios anos volve estar nucleada fundamentalmente arredor do BNG. A devandita manifestación polas rúas de Santiago, e concentración final na praza da Quintana, é seguramente a maior visualización do músculo militante e simpatizante da fronte nacionalista, converténdose nun día festivo onde a convivencia e o reencontro con vellas amizades son un dos puntos fortes.

O tamén chamado día Nacional da Galiza, día da Galiza, día da Patria, ou da Matria (un neoloxismo con base literaria que cada vez ten máis uso na Galiza) ten orixe en novembro de 1919 no seo da II Asemblea Nazonalista das Irmandades da Fala celebrada en Santiago de Compostela. A proposta de celebrar a festa o 25 de xullo impúxose á do viveirense Antón Vilar Ponte que defendía o 17 de decembro, que era considerado o cabodano da decapitación do mariscal Pardo de Cela en Mondoñedo (discusión que perdurou durante case unha década). Deste xeito a celebración do día da Patria comezou no ano 1920 e foi adaptándose aos tempos e circunstancias ata chegar á gran mobilización cidadá que é hoxe (e que se eclipsa sempre nos medios informativos para minguar a imaxe de fortaleza do nacionalismo galego).

Deste xeito os mitins, as ofrendas a Rosalía de Castro na igrexa de San Domingos de Bonaval, os actos no exilio ou as manifestacións clandestinas (como a de 1968 organizada pola Unión do Povo Galego e o Partido Socialista Galego e que rematou con fortes enfrontamentos coa policía franquista) foron dando paso ás manifestacións organizadas polos xermes do BNG (AN-PG e BN-PG) e que remataron por ser permitidas a mediados da década dos oitenta.

Hoxe, de xeito paralelo á manifestación nacionalista, concorren en Santiago outros actos como a entrega das medallas de Galicia (creadas en 1984), a ofrenda do PPdeG no Panteón de Galegos Ilustres ou en Rianxo a ofrenda no monumento de Castelao do PSdeG. A maiores están os actos relixiosos do día do apóstolo na catedral coa asistencia de persoeiros da esfera política estatal.

Este ano dúas imaxes contrastaban como auga e aceite nas portadas dos xornais do día 26 de xullo: a encorsetada da praza do Obradoiro, practicamente baleira e coa familia real no centro que viña para presidir a Ofrenda do Apóstolo e a festiva da Quintana, chea de xente amosando a fortaleza da vontade popular. Detrás da primeira, unha festa restrinxida ás elites e pagada por todos nós; trala segunda, a festa popular organizada e pagada polo nacionalismo galego. Sucando os ceos, o dispendio provocador dos sete cazas da Patrulla Águila do Exercito do Aire que debuxaron única e exclusivamente a bandeira de España no día de Galiza (supoño que para tratar de contrarrestar os típicos azuis e brancos da bandeira galega que de natural adornan os ceos da Galiza na época seca do ano).

Remato o artigo co final do discurso de Afonso Daniel Rodríguez Castelao no Centro Galego de Bos Aires polo día da Patria Galega de 1948 coñecido como Alba de Groria (a derradeira peza oratoria que Castelao enunciou): "Que a fogueira do esprito siga quentando as vosas vidas e que a fogueira do lume nunca deixe de quentar os vosos fogares".

Comentarios