Opinión

Alcoa: non saben con quen falan!

A MIN DÁME a sensación de que neste gran conflito industrial e económico para a provincia de Lugo, nin a empresa, nin moito menos o Goberno do Estado e o da Xunta de Galiza, saben con quen están a tratar. As últimas mobilizacións deberían acenderlles a luciña de emerxencia de que algo moi grave está a acontecer na Mariña aos dous grandes partidos estatais, PSOE e PP, porque se enfrontan a toda unha comarca que loitará unida polo mantemento dos empregos directos e indirectos da factoría de aluminio de San Cibrao. Coido que a estas alturas queda lonxe o falso mito de que as galegas e galegos somos un pobo resignado e obediente. As revoltas protagonizadas durante o afundimento do Prestige pola plataforma Nunca Máis ou as continuas manifestacións e protestas organizadas durante meses polas afectadas e afectados da estafa das preferentes e subordinadas deberían facelos reflexionar de que este conflito só acaba de comezar. O Nunca Máis fixo caer (entre outras cousas) no 2005 ao sempiterno Manuel Fraga da presidencia da Xunta de Galiza e a mobilización polo calote das preferentes fixo que a maior parte dos/as afectados/as recuperase o seu diñeiro (non pasou o mesmo noutros sitios do Estado onde a mobilización social foi moito máis reducida).

Pero estes lodos teñen como culpábeis varias augas. O primeiro trebón (se cadra o máis importante) veu en 1997 cando a Sepi vendía a súa participación en Inespal (99,66%) ao grupo estadounidense Alcoa, líder mundial na produción de aluminio primario (fabricación de aluminio e alumina). Aquela operación levada a cabo no primeiro mandato de José María Aznar, conxuntamente coa venda de outras moitas empresas públicas, logrou unha liquidez para as arcas do Estado que remataría por darlle ao goberno do PP unha falsa pátina de bo xestor a nivel económico. Cos múltiples beneficios desas empresas nestas dúas décadas demostrouse que o Estado non vendera, senón que agasallara, as ‘xoias da coroa’ e o de bos xestores (supoño que se referirían aos seus patrimonios particulares) é outro mito que caeu despois de ver como, agás Ana Pastor, case todos os ministros da etapa de Aznar tiveron problemas coa xustiza por motivos fiscais e económicos.

Daquela, un BNG encabezado por Francisco Rodríguez loitaba no Congreso por frear a venda de Inespal (onde estaban o resto de deputados/as galegos/as?) e hoxe é o partido nacionalista o que segue poñendo enriba da mesa, a través da acta de Néstor Rego, distintas solucións ao conflito xa que de nada serve que PP e PSOE intercambien a pataca quente de mans. Dende unha tarifa eléctrica propia ou un estatuto do consumidor electrointensivo eficaz ata directamente a nacionalización da factoría.

A primeira das medidas é xa unha eterna loita do BNG en todas as institucións. Non ten lóxica que sendo unha nación eminentemente exportadora de enerxía e sufrindo os prexuízos medioambientais da súa produción teñamos que pagar o custo da enerxía igual ou superior ao resto dos territorios do Estado. A segunda medida é outro dos acordos que o goberno do PSOE-Podemos aínda non cumpriu con Galiza e que salvaría estas factorías de perdas económicas.

A última, sería que regresase a mans estatais a propiedade da planta. Se ingresaramos arredor de 140.000 millóns de euros da UE non sería desatinado pensar en salvar os postos de traballo coa compra da factoría (Angela Merkel estao a facer en Alemaña con Lufthansa). Deste xeito estariamos controlando un sector estratéxico e primario que nunca debeu de saír de mans estatais nesta febre de liberalismo económico que nos arruinou nas últimas décadas. E non vos esquezades, se Alcoa estivese nas aforas de Madrid, aquí ninguén falaría de peche!

Comentarios