domingo. 26.09.2021 |
El tiempo
domingo. 26.09.2021
El tiempo

10 anos defendendo os intereses do Corgo

O TÍTULO do artigo pareceralle a algún lector ou lectora ambicioso de máis cando saiba que esta presada de palabras son das máis autobiográficas das que levo escrito ata agora. Efectivamente, quero aproveitar a oportunidade que me dá El Progreso semanalmente para dar as grazas agora que deixo a política activa despois dun periplo de máis de 10 anos representando á veciñanza do concello do Corgo dende a oposición. Pecho esta etapa (suficientemente longa) porque toca encetar novas responsabilidades no ámbito profesional e porque son consciente de que as renovacións son positivas e traen zume e ideas novas que sempre son necesarias e ben recibidas. Con esta colaboración, especial en extensión, iniciamos unha nova etapa que mudará o título de “Tribuna política” por “Dende o outeiro”, máis acorde ás novas circunstancias.

Se ata hoxe fun concelleiro débollo a dúas persoas e con elas enceto a quenda de agradecementos. A primeira e máis importante, sen dúbida algunha, é para Xosé Henrique Casanova, Quique, que apostou por min dende que era un mozo e me viu asistir aos primeiros actos e asembleas do BNG do Corgo, movido polo gusto pola política que sempre tiven, e un amor polo Corgo que podemos definir, nalgunhas etapas vitais, como de "enfermizo". De el aprendín todo o que sei en política local e a mirar polos intereses da veciñanza por enriba dos intereses partidarios. Se un asunto era importante para o Corgo, aínda que electoralmente fose máis rendíbel facer o contrario, sempre se votaba a favor. Se se podía mediar con algunha administración gobernada polo BNG para que a veciñanza se vise beneficiada, facíase aínda sabendo que o alcalde de quenda sacaría tallada política. Tratouse de levar a pleno iniciativas concretas, factibles e boas para os corgueses e corguesas, nunha oposición construtiva, aínda tendo que escoitar algunha vez que dese xeito estabamos a facer o labor ao goberno. Un incendio forestal (e a neglixencia previa da Xunta de Galiza) roubounos a súa sabia compaña no 2015 e foi tal a súa pegada en min que, aínda nos últimos plenos, seguía a reflexionar sobre cal tería sido o seu sentido do voto (nalgún asunto importante) antes de manifestar o meu.

Outra das persoas que me enleou para "saír do armario" e visualizarme como unha persoa do BNG a todos os efectos (un paso que aínda moita xente ten medo a dar por temor a represalias laborais) foi Xesús Méndez, Suso de Muñís. El animoume a liderar unha alternativa distinta á "oficialista" para xestionar os fondos LEADER 2007-2013 na comarca de Lugo (contra todo prognóstico conseguímolo) e despois acompañoume e apoioume cando fun deputado de cultura na Deputación Provincial de Lugo ou nas distintas responsabilidades orgánicas que tiven que asumir na fronte nacionalista.

Hai dez anos, a asemblea local do BNG confiábame a tarefa de encabezar a candidatura nacionalista no Corgo. O domingo, 22 de maio de 2011, o BNG acadaba 700 votos e con eles os tres concelleiros que nos permitiron encabezar a oposición nunha lexislatura con pouco xogo político pola maioría absoluta do PP. Acompañáronme naquel período Quique Casanova e Concha Cruz, e contar cun equipo grande permitiume compatibilizar a portavocía do BNG no concello e na Deputación, a maiores da xestión da área de Cultura e Turismo provinciais. Polo tanto inclúo nesta segunda rolda de agradecementos aos compañeiros do Corgo pola súa confianza e polo seu traballo. Non entendo aos cargos electos que tras un cabreo coa súa organización deciden abandonar o partido sen deixar a acta porque esta é froito de traballo de moita xente e non propiedade de quen a ostenta. Grazas a Concha, e de novo Quique, polo apoio neses primeiros catro anos.

Chegaron as seguintes eleccións e tras delas o duro golpe do pasamento de Quique. María Abuín tivo a responsabilidade de ocupar a súa cadeira durante os catro anos. Fiel compañeira, comprometida, humilde, traballadora e sempre cun sorriso nos beizos. Ela fixo que o trago fora menos amargo e que puideramos continuar o labor de oposición construtiva iniciado con anterioridade.

Durante estes dez anos tiven a fortuna de formar parte dunha corporación que pese ás diferencias ideolóxicas sempre se mantivo unida. Nela as relacións persoais estiveron por enriba de todo e, aínda que no pleno a intensidade do debate fixese que elevaramos o ton máis do debido, á saída sempre había ese apertón de mans, unha broma ou unhas palabras respectuosas e cómplices. Houbo unanimidade na maioría das cuestións levadas a pleno (aínda que cando eran asuntos levados pola oposición non se cumpriran ou se executasen parcialmente), aspecto que sorprende no resto de corporacións locais. Esa unanimidade sempre primou os intereses da veciñanza aínda que o texto que se aprobaba sacara as cores aos compañeiros de partido que gobernaban outras institucións. Nestes dez anos vin xenerosidade tanto polo equipo de goberno en asuntos que levaba a oposición como desta última cando se trataba de temas importantes para o concello e polo tanto o bo ambiente débese ao bo facer dos distintos concelleiros e concelleiras que tiveron a oportunidade de defender ao Corgo na institución máis próxima á cidadanía.

Neste período tiven a oportunidade de coincidir con dous alcaldes do Partido Popular, José Antonio Ferreiro e Felipe Labrada. O primeiro retirábase no 2019 con 24 anos na alcaldía e outros 16 de concelleiro (co seu predecesor). Tralas eleccións do 2011 formamos parte da mesa de idade para constituír a corporación e tocounos protagonizar debates longos e intensos. Eramos de dúas xeracións antagónicas pero iso nunca impediu que nos trataramos con respecto e que traballaramos xuntos cando se trataba de traer investimentos para o concello procedentes doutras administracións (fundamentalmente da Deputación). O segundo, Felipe Labrada, leva só dous anos á fronte da alcaldía pero máis de catro décadas na política local. É unha persoa próxima que herdou do anterior a súa capacidade de diálogo. A el, deséxolle moita sorte e moito acerto nas decisións xa que do seu bo facer dependerá o futuro do concello que máis amo.

Nestes dez anos coincidín tamén con outros portavoces de partidos de oposición: Jesús Seijas, Javier Cerqueiro e Paco Otero no PSOE e con Javier Vila en DIC e Cs. Todos eles deixaron pegada co seu bo facer e neste período houbo moitas coincidencias e como non, tamén algunha que outra diferenza. As súas achegas foron e son imprescindíbeis para o bo funcionamento do concello e o control do goberno. Deséxolles tamén acerto no seu labor polo ben de todos. Non cito ao resto de concelleiros de goberno e oposición por non alongar o artigo pero quero dicirlles que entre eles sempre me sentín moi cómodo e que fun sempre respectado pese a termos posicións ideolóxicas diferentes.

Que dicir ten que as grazas hai que estendelas ás traballadoras e traballadores municipais. No Corgo temos a fortuna de contar cuns grandísimos profesionais que sempre facilitaron o labor de oposición, entregando copia da documentación que se lles pediu e cooperando no control do goberno. Ogallá remate pronto esta pandemia para volver a compartir xuntanzas arredor dun bo xantar en calquera restaurante do Corgo ou nas “pulpadas” do San Froilán.

Por suposto, quero dedicarlle unhas palabras a Pilar Bellón, que asume a portavocía do BNG dende esta semana. A ela agradézolle que participara nas tres candidaturas que tiven ocasión de encabezar, que asumise a responsabilidade local do BNG do Corgo a mediados de 2017 (relevando a Xurxo Rodríguez) e que aceptase o reto de representar á fronte nacionalista na corporación municipal nos dous vindeiros anos. Ela forma parte dun grupo de mulleres que está a mudar a forma de facer política neste país e que pon ao BNG á vangarda do feminismo con Maite Ferreiro na vicepresidencia da Deputación, con Olalla Rodil e Carmen Aira representando a Lugo no Parlamento e con Ana Pontón como a próxima (e primeira na historia) presidenta da Xunta de Galiza (mulleres ás que admiro e das que levo aprendido moito). Pilar é unha muller seria, responsábel e traballadora. Polo seu labor como administrativa é moi coñecedora dos problemas do día a día que afectan á vida dos corgueses e corguesas e polo tanto será unha gran concelleira.

Remato xa agradecéndolles aos meus veciños e veciñas a confianza depositada en min nestes dez anos: aos que votaron BNG e aos que votaron outras opcións. Sempre que andei polo concello atopeime portas abertas e verbas amables e respectuosas independentemente da opción ideolóxica que votasen. Pola miña banda sempre respectei a vontade popular. Esta é sabia e sempre elixe o mellor. Polo tanto, se nunca confiaron en min para a alcaldía é porque había xente mellor para facelo, diso estou seguro.

Dende a oposición tratei de facer o mellor para defender os intereses de todos e todas (fíxeno e seguireino a facer tamén dende o plano asociativo) pero estou seguro de que nesta etapa cometería erros, decepcionaría a xente e que podería dar moito máis de min mesmo; a toda esta xente quería pedirlles perdón e asegurarlles que nada diso fixen con mala intención.

Non marcho a ningures: seguirei apoiando como un militante máis ao BNG do Corgo, achegando o meu consello e experiencia cando mo pidan e arrimando o ombro cando faga falla; continuarei traballando nas xuntas directivas da Asociación Cultural Arumes do Corgo e do Centro de Estudos do Corgo coa finalidade de que a veciñanza se sinta orgullosa de pertencer a un concello cun patrimonio natural e cultural inconmensurábel e seguirei sendo o veciño que sempre fun o Mario de Otero, de Guimarás, con mil ideas burbullando nos miolos e o corazón no Corgo e na Galiza.

10 anos defendendo os intereses do Corgo
comentarios