Opinión

De vagalumes e estrelas

OS VAGALUMES ou lucecús son moi pudorosos, só se aparean coa luz apagada. Falo da exterior, non da que eles emiten. Non tomen ao pé da letra o que digo, mais o certo é que a contaminación lumínica extorsiona os rituais amorosos destes insectos e é unha das causas, xunto cos pesticidas, da súa desaparición.

Este verán andamos na procura deses bichiños de luz. Román –catro anos– explicoume que tiñan ás e voaban. Para min, desde sempre, non eran máis que pequenos vermes. Consultei e, en efecto, das aproximadamente 2.000 especies hai oito no noso país e caracterízanse por seren as femias as que teñen capacidade de alumar na noite. Porén, son ápteras, mais os machos si teñen ás e poden voar.

Román sabía isto por algún vídeo da televisión -case non a ve- e por iso se entusiasmaba buscando na realidade real, valla a redundancia, aqueles vermes de luz. Puiden comprobar que, neste caso, a pantalla servira para lle fomentar a curiosidade, mais non a substituíra. Así debería ser sempre, cun adulto á beira para conectar ambos mundos.

O neno non esquecerá, como tampouco esquecerán as súas primas -curmás as nais- as noites de ceo despexado, coas estrelas limpas como brillantes recentemente luídos. O Carro ou Osa Maior, Andrómeda, Casiopea e outras constelacións máis ou menos doadas de identificar.

No Val do Mao non hai contaminación lumínica e a noite é noite con todos os seus tesouros e tamén coas súas pequenas doses de medo. Os grilos a tanxer a guitarra dos propios élitros. As curuxas a fender a escuridade co seu canto e os seus berros, por veces semellantes ao ladrido dun can. Os peculiares sons dos raposos...

Xa me teño referido nestas páxinas ao chamado "trastorno por déficit de natureza", expresión acuñada polo xornalista e escritor Richard Lov. Nun dos seus libros verbo desta cuestión, en concreto Vitamina N (pódese achar en galego) explica como os espazos naturais inflúen positivamente no tratamento do déficit de atención, a depresión e a ansiedade, así como a reforzar o sistema inmunolóxico, previr a obesidade e a miopía e moitas máis vantaxes físicas e psicolóxicas.

Segundo o autor, o amentado trastorno tería a súa orixe no galopante avance das novas aplicacións tecnolóxicas cuxa velocidade reduce a natureza a un estímulo lento.

A que din "nova normalidade" tería que ser o regreso, na medida do posíbel, a Gaia, a nai terra, súper-organismo do que formamos parte.

Os vagalumes, tan pequenos; as estrelas, tan lonxe; e nós no medio coa vida e todo o que a soporta, séndomos capaces de nomeala. Secasí, para nomear hai que coñecer e, para coñecer, lixar os pés e as mans no humus, como outrora.

Comentarios