Opinión

Un herdo inacabado

OS ANOS VAN sumándonos promesas incumpridas, encontros adiados que non se celebrarán nunca, palabras sen pronunciar e outros materiais para os remorsos que, a veces, nos producen as mortes.

A de Carlos García Martínez chegou algúns anos despois de que, non recordo en que celebración, me expresara a súa vontade de volver ao Incio, concretamente a Trascastro, porque tiña noticia dun xefe carlista nado alí e quería investigar. De seguida entendín que se refería a Ramón Veiga Valcárcel, quen fora o Comandante Xeneral de Lugo na derradeira Guerra Carlista. Segundo Alfredo Comesaña Paz, autor de Hijos del Trueno: La Tercera Guerra Carlista en Galicia y el Norte de Portugal, era unha das pezas máis cobizadas polas autoridades militares, por mor do seu rango entre os facciosos que se opoñían ao liberalismo. Levou unha sorpresa ao saber que se trataba dun tío avó do meu avó materno e reiteroume o seu propósito. Porén, en contra do acordado, non tiven máis noticias del que a do seu pasamento en 2018.

O santiagués Carlos García Martínez fixera parte daquela expedición iniciática que, impulsada por Bouza Brey dentro do Instituto Padre Sarmiento, realizara un importante traballo de campo por terras do Incio no verán do ano 1968. Licenciouse en Dereito, mais xa antes de rematar, o seu interese virou cara á arqueoloxía e a etnografía.

No ano 2020, o Museo do Pobo Galego, tras recompilala, editou a obra completa do que, ademais de participar na súa fundación, o dirixiu desde 1999 até o propio falecemento. Parabéns!

O volume estrutúrase en sete apartados dos que o último, "Crónica inacabada dunha terra", ten como obxecto o Incio. Foi o profesor Xusto Beramendi o que achou no ordenador de Carlos este libro inédito do que, aínda tendo deseñados os capítulos, dez, non todos estaban rematados. Algúns consistían en simples notas a agardar por unha posterior redacción. Tratando de ser fieis ao propósito do autor, ordenaron, corrixiron erros de datas e repeticións e incluírono na Obra Completa.

É, efectivamente, a crónica da xeira iniciada naquel verán do mítico 68. Por ela desfilan personaxes que foron fundamentais para o desenvolvemento do traballo: o inesquecíbel crego Anxo González, o Zoqueiro de Hospital ou Lousada de Rendar. E tamén, a partir da primeira inciá coñecida, unha castrexa soterrada no Modorro cuxos ósos estudou o médico, antropólogo e arqueólogo Carro Otero, as liñaxes máis significadas da comarca a carón das pegadas da epopea popular.

Podemos ler, mesmo entre liñas, canto significaron para el estas terras do sur de Lugo e como o subxugou o seu misterio. Moitas preguntas seguen aí para que alguén as responda.

Comentarios