Opinión

Un bo marco para un libro

Non sei se cando este artigo chegue ás mans dos lectores e lectoras, seguirá a corentena imposta no hotel tinerfeño de Adeje. De non estarmos en tempos de televisión, internet e outros produtos informáticos, talvez as persoas alí recluídas se dedicasen á narración. Non terían por que ser feitos extraordinarios, abondaría con que relatasen as súas propias historias ou anécdotas vividas, por suposto que con dereito a omisións. Podería facerse un libro, se cadra non desprezábel. 

É bastante frecuente que, para darlles unha certa coherencia ás coleccións de relatos, o autor, autora, compiladora ou compilador, invente un marco en que inscribilos. Ese marco poderíase comparar coa argamasa que une as pezas dun mural. É o caso de As mil e unha noites, onde se crea a personaxe de Sherezade para ser a narradora dunha serie de contos orientais, recollidos no século XIV da tradición oral e mais dun libro persa. 

Do mesmo xeito Ánxel Fole, en Á lus do candil, pon a carón da lareira a catro fidalgos cazadores que, por mor da neve, fican illados no Courel. Entreterán a agarda relatando episodios de lobos, aparecidos e premonicións.

Na baixa Idade Media inglesa, Geoffrey Chaucer escribe unha colección de dúas ducias de sucedidos que relatarían uns peregrinos no camiño á tumba de Tomás Moro. Son os Contos de Canterbury, uns en prosa e outros en verso, considerado o seu conxunto a mellor obra escrita no inglés daquel tempo.

Porén, é o marco do Decamerón de Giovanni Boccaccio o que máis se asemella a situación que están a vivir no devandito hotel. A peste negra asola Florencia en 1348 e, pasada esta, é cando o autor inicia a escritura da súa obra. Está ambientada, xa que logo, na maior das epidemias vividas pola humanidade en Europa e Asia no século XIV. 

Sete rapazas da alta sociedade florentina atópanse nunha igrexa, baleira a causa da morbilidade e mingua de poboación. Unha delas suxire retirárense a unha vila abandonada, nun contorno idílico do campo de Fiesole, até que o perigo desapareza. Convencen a tres mozos para que as acompañen (o autor pon en boca dunha : "en verdade os homes son cabeza da muller e sen a súa dirección raras veces chega algunha das súas obras a un fin loábel"). Dúas semanas naquel retiro darán de si dez narracións por parte do grupo, algunha delas novela curta. É unha obra chea de erotismo e sensualidade, con predominio do tema amoroso. Os contos de Canterbury son en boa parte debedores do Decamerón. Se cadra é un bo momento para volver a este clásico.

En todo caso, non se alarmen, son outros tempos. Ninguén morre de véspera, como di un refrán noso.

Comentarios