Opinión

Suspenso en Constitución

NON SEI como vai a cousa agora; mais, cando eu era nena, para facer a primeira comuñón examinábannos de catecismo. Eu fíxena con seis anos e recordo que, con cinco, tiña a miña propia versión dos mandamentos. Xa que iso de "non cobizarás os bens alleos" non me soaba a nada, respondía, convencida, que o décimo mandamento era "non copiarás os malos exemplos».

Escoitando os debates dalgúns políticos, unha ten a sospeita de que non coñecen a Constitución que tantas veces invocan. Ou, se non é ese o caso, quedaron só coa música para poñerlle a letra que mellor se axeita ao seu modo de pensar. Se a chamada Carta Magna é inamovíbel para eles en certos puntos, por que a queren vulnerar flagrantemente noutros?

Sospeito que o don Pelayo de opereta non é que non a coñeza, é que a rexeita porque bate de fronte coa súa mentalidade retrógrada, coa súa nostalxia de todo o lastre que fomos soltando desde a morte do ditador para encararmos os tempos novos. Por iso mente tanto. O malo é que non está só e que, como no relato de Augusto Monterroso, o dinosauro aínda segue aí. Os dinosauros, para ser máis exacta, persoas dispostas a descender pola escada da democracia co pensamento iluso de prosperaren mellor e, se cadra, volveren aos anos da mocidade, como se o tempo tivese volta.

As autonomías que pretende suprimir —"ou autonomías ou pensións", dixo— nacen da Constitución, do mesmo xeito que o recoñecemento das nacionalidades históricas. (Por certo, no que atinxe a estas últimas, a ignorancia —interesada, evidentemente— vai máis aló do amentado político. No propósito de demonizaren aos nacionalistas de toda caste, precisan facer papel mollado do que está escrito).

Tampouco se axusta á Constitución a desigualdade por razón de xénero que pretenden restaurar. Nin é consonte o Dereito Internacional a expulsión de estranxeiros aquí afincados, o abandono á súa sorte dos que foxen dunha morte segura e mil e unha cousas máis, en todo caso faltas de humanidade.

Hai 86 anos, no IX Congreso de Nacionalidades Europeas, organismo da Sociedade de Nacións (actual Onu), Galiza foi recoñecida como nación.

España non se rompe por ser considerada unha nación de nacións ou un Estado plurinacional. España morre de non coñecerse e vive de buscarse en identidades non impostas, as que se teceron cunha serie de elementos que nada teñen a ver coa raza, mais si coa historia gozada ou padecida.

A solidariedade entre os diversos países non consiste en facerse o haraquiri para abonar un solo común, senón en estar vivos e dispoñíbeis para apoiármonos e defendérmonos dos que "non nos entenden, non".

Votemos en liberdade. 

Por nós.

Comentarios