OS QUE queren que as augas da historia volvan río arriba, mandaron un seu preclaro representante, como quen manda un aperitivo das eleccións que se achegan, para preparar o gran ágape. A verdade é que o expresa moito mellor ca min Miguel Olarte nos titulares da crónica deste acontecemento: "Ortega arenga a la tropa de Vox Lugo de cara a la batalla de las autonómicas". E é que hai un tufo de militarismo tan rancio arredor desta formación política, que resulta inevitábel evocar a guerra.
As teimas do tal partido, pregoadas polo seu secretario xeral, afumaron o Pazo de Feiras de Lugo: derrogar as leis que atinxen á violencia machista e á memoria histórica, acabar co Estado das autonomías e outras perlas do pensamento máis retrógrado.
Calquera demócrata ten que lles recoñecer o dereito a existir, mais sempre que se movan no marco da Constitución e a lexislación vixentes. Ou é que iso soamente obriga aos partidos de esquerdas e/ou nacionalistas? Claro que poden aspirar a cambialas, tanto uns coma outros, de xeito pacífico, que é como as persoas civilizadas estamos obrigadas a facer as cousas. Quen queira mercar o paquete de medidas que ofrecen, non ten máis que exercer o seu dereito ao voto. Quen non gustamos delas, tamén.
A presidenta do partido verde en Lugo (oh paradoxo, eles que, polo que escoitei, negan o cambio climático), dona Sonia Teijeiro, fixo unha serie de denuncias verdadeiramente dignas de seren glosadas e tamén, con perdón, golsadas.
Seica, nos institutos da cidade, profesores dixeron que, tras o 28 de abril, xa había 2,7 millóns de fascistas en España. Vaia, puxéronse de acordo para anunciar que da noite para a mañá, como por xeración espontánea, se producira tal prodixio. Dito doutro xeito, que é primeiro, a galiña ou o ovo, os votos ou os supostos fascistas?
Tamén se lamentou de que neses centros se admitía propaganda afín ao Bloque, se ía contra o capitalismo alegando que mataba o planeta e non se promulgaba o amor a España. E cal será esa propaganda? E logo non é certo que a voracidade do capitalismo é a maior culpábel da contaminación? Entre o capitalismo e o comunismo non haberá outra cousa? Pódese promulgar o amor? Ou Galiza non é España, ou amar a Galiza tamén é amar España e o mundo, empezando polo próximo. É amar Galiza ese odio visceral ao galego? Non se impón o galego, impúxose o castelán (e aínda o castrapo). Proba do que digo pode ser o apelido Teijeiro que en castelán non existe, sería "bosque de tejos". Sen dúbida é galego e é Teixeiro. A Lei de Normalización Lingüística (1983) é anterior á chegada de Fraga (1990).
Quixen que o dito non leve acritude. Ou si?