Opinión

Precisamos un talismán

Como saben, un talismán é un obxecto ao que se lle atribúen propiedades máxicas tales como dar saúde e sorte ou mesmo cumprir desexos. Seica a palabra chegou a nós no século XVIII desde o francés que a tomou do persa de despois do islam e este, á súa vez, do árabe, que a recibiu do grego ("telesma" ou "telein" = rito relixioso, iniciar a alguén no misterio). Un longo percorrido que deu nunha das palabras máis bonitas da nosa lingua, moi por riba dos seus sinónimos "amuleto" e "fetiche".

Rara vez existen os sinónimos perfectos e estes non o son. O amuleto tería de seu as propiedades milagrosas. O fetiche representa un ser sobrenatural que pode decidir o futuro das persoas e ao que se lle rende culto. Á diferenza dos anteriores, o talismán ha ser fabricado e cargado polo seu autor con poderes máxicos a respecto dun asunto determinado.

Conseguirase a vacina contra o coronavirus que salvará moita xente. O seu achado será unha magnífica noticia; porén, o que precisamos é un talismán. O virus meteunos o medo no corpo e contra o medo non hai vacina. Semella que, de súpeto, nos decatamos da nosa fráxil condición. Tan fráxil que un axente velenoso, que nin a célula chega, pode ser letal.

Fabriquemos, xa que logo, o tal obxecto. En principio, pensamos nalgo material: unha pedra preciosa engarzada en ouro ou prata, a miúdo formando parte dun conxunto simbólico; unha pata de coello; un trevo de catro follas... (os dous últimos, máis ben amuletos segundo a diferenciación que fixemos).

Mais os seres racionais temos que construílo con razóns. Axudarnos das persoas que o conseguiron é de grande axuda. Por exemplo de Eva Veiga, unha muller sabia no máis auténtico sentido do termo. Ademais de sabia, ten o don da palabra e por iso é unha das mellores poetas actuais. Hai bastantes anos, confrontouse cunha grave doenza que superou coma quen resucita. Aprópiome destas palabras súas no Facebook:

"[...] Falo de atinxir a fortaleza dende a fraxilidade, de crer poderosamente en que cando se cerra unha porta, ábrese outra. Falo de entender que a enfermidade non é o teu inimigo, senón que é parte de ti [...] penso se non sería mellor considerar que é a humanidade a que está enferma [...] como un organismo que debe buscar -en relación solidaria e en si mesmo- as mellores solucións, e non só para esta excepcional circunstancia. Porque o imprevisto será sempre, se cadra, a meirande certeza. Non somos, estamos a ser en incesante construción e a vida de cote vainos sorprender, unhas veces para ben e outras non tanto. O que importa entón é o sentido que lle deamos ao presente, no que en boa medida esbozamos o porvir".

Comentarios