Opinión

Pobreza non é delincuencia

O MESMO RACISMO que practicamos aquí coa xente inmigrada, padecémolo nós noutros lugares do mundo e sen termos que ir moi lonxe. Adóitase achacarllo á ignorancia, mais eu xuraría que as máis das veces esta non ten a culpa. A culpa tena o complexo de superioridade, a falta de empatía con quen se ve  na necesidade de deixar o seu país, a desconfianza cos  que pertencen a outra etnia ou cultura, o non entender que as razas valen para os cans, que as persoas somos só dunha, a humana. A carencia de bos sentimentos, en resumo. 

Acostumamos a imputarlle, dalgunha maneira, a toda a súa comunidade as malas accións practicadas por estranxeiros. Neste senso, lembro unha viaxe que fixen hai moitos anos con Fuxan os Ventos a Bélxica. Houbo unha celebración cos galegos no auditorio Hansen, con presenza do embaixador de España e da televisión. Un home de certa idade, pertencente a un grupo que comía empanada e bebía viño por un porrón, facíalle  carantoñas á cámara mentres se empeñaba nun baile imposíbel pola súa bebedela. A maioría gardaba a compostura e non confundía aquel selecto lugar coa carballeira do San Roque. Porén, para quen vise aquela imaxe grotesca, así eramos nós. 

Os estereotipos aliméntanse dese xeito e, desde logo, estas cousas sempre atopan máis megafonía que as accións honrosas. Por iso quero contar algunhas anécdotas positivas das que son protagonistas persoas vidas de fóra, e non precisamente facer turismo. 

Hai tempo tamén, unha muller para a que unha amiga me dera roupa, apareceu na casa cun reloxo de ouro que ía no peto dunha chaqueta. A miña amiga tíñao por perdido anos atrás, sen sospeitar que o entregaba coa prenda en desuso.

Contáronme dun home que, por carecer traballo, acudira a un comedor social desta cidade durante un tempo buscar o alimento da familia. Cando achou emprego e cobrou o primeiro soldo, foi levar un donativo para que, segundo explicou, outros atopasen a axuda que recibira el. É ben seguro que tería outros ocos que tapar, pero o agradecemento e a solidariedade foron o primeiro.

Este mércores, outro home da mesma relixión e cultura que o da anécdota anterior, entregou na caixa dun supermercado unha carteira que atopara nas proximidades do mesmo. O seu aspecto non facía presaxiar un bo nivel económico. Simplemente sabía que a carteira tiña dona.

Se comparamos o que relato co que sabemos da corrupción institucionalizada, xa me dirán por que confiamos nuns e poñemos permanentemente baixo sospeita a outros. Non será que nos molestan menos as gravatas e os traxes a medida que a precariedade dos que pasan á nosa beira? Cuestión de humanidade.