jueves. 06.08.2020 |
El tiempo
jueves. 06.08.2020
El tiempo

Óscar Wilde namorado

HAI HOXE 125 anos que se estreou a comedia de Óscar Wilde A importancia de se chamar Ernesto. Como en inglés o antropónimo Ernest e o adxectivo earnest son palabras homófonas, o autor xoga con esa ambivalencia. É a derradeira comedia escrita por Wilde. Tres meses despois había de ser condenado a prisión por flagrante indecencia. A tal indecencia era a súa relación homosexual co fillo do Marqués de Queensberry. Un litixio con este, a quen o escritor denunciou por difamación a instancias do amante, foi o que o levou dous anos á cadea e a traballos forzados. Non lle foi difícil ao nobre -por certo, teórico do boxeo moderno- probar a verdade das súas afirmacións porque tiña as probas na casa.

A raíz do escándalo, a súa muller, Constance Lloyd, separouse del e mudou o apelido e o dos fillos para non cargar co baldón. Outro tanto había facer el, despois da prisión, facéndose chamar Sebastian Melmoth e instalándose definitivamente en Francia.

Se o Retrato de Dorian Gray, a súa única incursión na novela, lle ocasionou graves críticas, non entendendo moitos lectores daquela sociedade conservadora que revisitase así o tema do Fausto, o seu prestixio como dramaturgo medrou a cadora. A Salomé escrita en francés, estreada pola gran Sarah Bernhardt, ou aquela cuxo aniversario provoca este artigo, non son as únicas pezas, pero si as máis coñecidas do autor.

Pouco antes de saír do cárcere, escribiulle unha longa e conmovedora epístola ao seu amante, lord Alfred Douglas. Titulada De Profundis, repasa nela a relación que mantiveron, ruinosa en todos os aspectos para o dandi por antonomasia. Está desenganado, láiase da deslealdade, mais non se arrepinte do que sentiu por el e segue a sentir. É de destacar como lle bota en cara que nunca tivo máis que apetitos, lonxe dos sentimentos que el si profesaba.

Neste 14 de febreiro, cheo de sentimentalismos e mercado, quero rematar con dúas reflexións:

A primeira é que o amor (tamén a amizade), como dicía a Carmen de Bizet, non ten leis. Wilde morreu pobre e desprestixiado como persoa por normas que non recoñecían a diversidade afectivo-sexual. Neste mundo noso, de varias velocidades, segue a acontecer.

A segunda que, agora que tanto se fala do poliamor, do sexo sen namoro, do propio hedonismo e compracencia como única perspectiva nas relacións, convén ler o citado De Profundis (hai tradución ao galego). Di cousas tales como que o vicio supremo é a superficialidade. Certamente os días de viño e rosas non duran. Se cadra o Amor fala igual que Óscar Wilde: "Acaso fun escollido para ensinarche algo máis marabilloso, o significado da Dor e a súa beleza".

Óscar Wilde namorado
comentarios